Skip to main content

Asuntos Sociais pon en marcha unha iniciativa para insertar no mercado laboral a persoas en situación de exclusión social

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, presentou o Proxecto Diana que ten como obxectivo favorecer a inserción laboral de persoas con especiais dificultades para acceder a un posto de traballo. Esta actuación, enmarcada na Iniciativa Comunitaria Equal, conta cunha achega do Fondo Social Europeo de 1.806.922 euros e desenvolverase ata decembro de 2007.

Neste período de tempo prevese incorporar ao proxecto a un total de 350 persoas, unha cifra axeitada para garantir unha atención personalizada e efectiva de cara a súa inserción laboral. As actuacións do Proxecto Diana desenvolveranse nos concellos de Ferrol, Cervo, Burela e Foz.

O Proxecto Diana constitúe un instrumento máis de apoio cara á eliminación de todas as formas de discriminación que se producen no mercado laboral e que vén a sumarse á ampla experiencia da Consellería en iniciativas destas características. A última foi o Proxecto Stella, que finalizou en decembro de 2004 e que acadou 193 contratos laborais. A experiencia da consellería no traballo que está a realizar con persoas en situación ou en risco de exclusión vén constatando o fenómeno de feminización dos colectivos máis vulnerables e de difícil inserción. De ahí que o colectivo prioritario do Diana sexa o das mulleres.

ACTUACIÓN COMPLEMENTARIA

Diana actuará como proxecto complementario do resto de intervencións da Consellería en materia de servizos sociais como o Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais, para o que se destinarán este ano 18,4 millóns de euros cofinanciados polas Administracións central e autonómica. O actual Goberno central non incrementou o orzamento destinado a este programa nin en 2004 nin en 2005 (7,5M€). Pola contra, a Xunta aumenta a súa achega nun 4,56% este ano, ascendendo o orzamento autonómico nesta materia a 11,1 millóns de euros, e no total da lexislatura a suba do importe da Xunta foi do 47,75%.

Entre outras actuacións, desde a Consellería desenvólvese o Programa de rendas mínimas de inserción, o I Plan Galego de Inclusión Social, a orde de axudas de subvencións para o desenvolvemento de programas de incorporación social e laboral destinados a persoas en situación de exclusión social, e outros programas de intervención social.

O Proxecto Diana desenvolverase seguindo unhas liñas de actuación que comezarán polo estudio do mercado laboral nas zonas de actuación para identificar os sectores produtivos con maiores posibilidades de emprego, os postos de traballo máis ofertados e os perfís profesionais máis axeitados á demanda. Outro grupo de actuacións estará dirixido ás persoas usuarias, co obxectivo de desenvolver as súas competencias persoais e sociais, imprescindibles para incorporarse con éxito ao mercado de traballo. Así mesmo, para facilitar a participación no proxecto das persoas destinatarias, poranse en marcha servizos de apoio como transporte adaptado; coidado de persoas maiores, ou de nenos a cargo; apoio psicolóxico familiar e axudas económicas.

De maneira paralela traballarase coas empresas e entidades do territorio, creando unha Rede de empresas e entidades colaboradoras de Diana, para facilitar a incorporación das persoas beneficiaras a un posto de traballo. A través do Diana potenciarase unha nova forma empresarial de colaboración: a Responsabilidade Social Corporativa, un principio recomendado pola Comisión Europea para que as empresas integren, de xeito voluntario, as preocupacións sociais do seu contorno e, no caso do Diana, as relacionadas coas problemáticas da poboación beneficiaria.

Para a execución do proxecto creouse unha asociación integrada por axentes clave das zonas de intervención que recibe o nome de Agrupación de Desenvolvemento Nordesía. Esta agrupación está integrada pola propia Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e os Concellos de Cervo, Burela, Ferrol e Foz, que constitúen o territorio obxecto de intervención; Cruz Vermella Española, AFAMMER-Galicia, Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol, Asociación Sociocultural de Minusválidos de Ferrol e a Universidade de Santiago de Compostela.

COOPERACIÓN TRANSNACIONAL
Ademais do labor que se realizará en territorio autonómico, levarase a cabo un traballo de carácter transnacional, colaborando con outros países membros da Unión Europea. Deste xeito, Diana cooperará con outros dos proxectos: PERLA de Italia e WE FRIENDS, de Estonia. A finalidade do proxecto transnacional será o desenvolvemento dun método de traballo de carácter experimental, innovador e consensuado entre os tres socios para favorecer a inserción laboral das mulleres.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia