Skip to main content

Tres exposicións interconectadas e tres artistas críticas para a Sala Alterarte

Segundo explica a comisaria, para a programación expositiva deste curso propón catro mostras individuais que funcionan “de xeito independente pero interconectado”. A primeira delas é Formas e tránsitos de Isabel Flores (Badajoz, 1989), que se pode ver ata o 21 de xaneiro na Sala Alterarte. A ela seguiranlle este cuadrimestre e ata o remate de curso exposicións de Mónica Mura (Cagliari, Italia, 1979), Basilisa Fiestras (Pontevedra, 1985) e Mar Ramón Soriano (Valencia, 1993), todas elas artistas emerxentes vencelladas a Galicia e/ou á Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. “Cada unha das artistas terá en Alterarte o seu propio espazo establecendo puntos coindicentes entre elas que rematarán por tomar forma no catálogo ao finalizar o bloque expositivo”, sinala Sara Donoso, doutora en Historia da Arte que desenvolve actividades de comisariado e xestión artística.

Perspectiva crítica, consciente e reflexiva

Este diálogo entre mostras e artistas, engade a coordinadora de Alterarte, “ten que ver coa expresión dalgúns intereses comúns: a convivencia no seu traballo de diversas linguaxes plásticas e o interese pola reflexión, desde as máis variadas perspectivas, do rol feminino na arte e na sociedade contemporánea, habilitando un territorio crítico capaz de darlle a volta ao pensamento establecido”. O proxecto expositivo no seu conxunto, comenta a súa responsable, “busca poñer de relevo a creación contemporánea realizada por mulleres desde unha perspectiva crítica, consciente e reflexiva”. Desde fórmulas conceptuais e plásticas moi diversas, estas creadoras, subliña Sara Donoso, “formulan novos xeitos de enfrontarse ás imaxes e, con elas, a todas as operacións socio-culturais que alimentan os estereotipos e defenden modelos de relación unilaterais”.

Tal e como comenta Sara Donoso, “mentres Isabel Flores defende unha pintura expandida onde o ornamento e o tecido cuestionan as xerarquías de xénero asociadas á arte, Basilisa Fiestras revisa a representación do corpo como suxeito poético e político”. Pola súa banda, engade, “Mónica Mura explora as identidades, conectando a memoria colectiva para reivindicar desde a arte un espazo común e a ourensá Mar Ramón Soriano pousa a mirada no cotiá, combina a cerámica e os obxectos domésticos nun interesante xogo estético que se pregunta sobre as representacións do feminino”. Neste marco de traballo, engade a comisaria, “o máis interesante é comprender os seus procesos, mergullarse nas estratexias que cada unha delas activa despregando a súa capacidade teórica e creativa para levalo a cabo”.

Sobre este panel de creadoras elixidas, Sara Donoso amosa a súa satisfacción por poder desenvolver o seu proxecto “con artistas nas que confío, que contan cun gran potencial e son capaces de reflectir algunhas das necesidades do mundo contemporáneo desde abordaxes que reivindican a convivencia de diversas disciplinas artísticas. É unha honra poder visibilizar o seu traballo, achegar ao público a arte como un modo de comunicación visual”.

Continuar o legado de Alterarte

No deseño da súa proposta expositiva, Sara Donoso explica que tivo en conta o perfil da Sala Alterarte, “unha sala expositiva de referencia no eido académico en Galicia, mais tamén no profesional”. Por este espazo, detalla, “pasaron artistas, profesorado e profesionais da crítica e do comisariado que contan cunha importante bagaxe, construíndo así un percorrido que nos permite asomarnos ás tendencias, intereses e sensibilidades da nosa arte”. Desta sala destaca tamén como “sempre promoveu a presenza igualitaria de artistas homes e mulleres, o diálogo interxeneracional e a diversidade de técnicas e temáticas dentro da creación contemporánea”. Así, sinala Donoso, desenvolve este curso académico a súa tarefa de coordinadora co “compromiso de continuar ofrecendo contido de calidade para a Sala Alterarte non só en canto ás propostas plásticas senón tamén en canto á liña discursiva, que presenta as inquedanzas de moitas e moitos artistas e as demandas dunha sociedade crítica”. A isto súmase, engade, “unha responsabilidade engadida: a de continuar o legado que outros e outras comisarias foron construíndo ao longo dos anos para dar conta da riqueza da arte en Galicia e poñela en diálogo con outras propostas”.
Universidade de Vigo