Skip to main content

Profesionais da educación de países europeos visitan centros integrados de FP galegos

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria exerce coma anfitrioa esta semana dunha visita de estudos que se enmarca dentro do Programa Europeo Arion, centrada en coñecer os centros integrados de Formación Profesional galegos.

Dende o pasado luns e ata o próximo venres, profesionais da Educación procedentes de diversos países da Unión Europea coma Alemaña, Francia, Suecia, Noruega, Italia, Polonia e Turquía, están a coñecer a formación que se ofrece nalgúns dos 10 centros deste tipo que funcionan na actualidade en Galicia.

Trátase, fundamentalmente, de directores de centros de ensino, membros de equipos directivos e inspectores de educación, que queren coñecer a fondo o sistema educativo galego no eido da Formación Profesional a fin de aproveitar todos aqueles aspectos positivos que poidan aplicar nos seus países de procedencia. Ademais, con esta iniciativa, a Consellería de Educación tamén abre vías de colaboración neste e noutros ámbitos e proxectos de cara ao futuro.

INSTITUTOS E INSTITUCIÓNS

Así, nesta semana visitaron xa o IES “Compostela”, de Santiago e o IES “Coroso”, de Ribeira. Coñecerán o IES “Politécnico” de Vigo e o “Carlos Oroza” de Pontevedra e nos próximos días achegaranse ao IES “Paseo das Pontes” da Coruña e ao centro integrado do Pedroso, tamén en Santiago de Compostela.

Á parte dos centros educativos integrados de FP nos que se imparte formación regrada, ocupacional e continua ademais de levar a cabo proxectos de I+D, actividades de formación de profesorado, avaliación da competencia profesional da poboación activa a través das probas libres para a obtención do título de técnico de FP e o desenvolvemento de plans de mellora continua da calidade nos centros, os participantes na visita tamén se achegaron a outros organismos e institucións de interese no ámbito educativo.

Así, entre outros, coñeceron o Museo Pedagóxico de Galicia e se achegarán ao Instituto Galego das Cualificacións. Cómpre destacar, ademais, que todas as visitas estarán complementadas por conferencias nas que se abordarán contidos relacionados coa integración dos estudos de Formación Profesional.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia