Skip to main content

A cuarta edición do ciclo Novos Talentos Musicais volve en febreiro á USC

Serán cinco os concertos ofrecidos nesta edición, posposta a 2022 por mor da situación sanitaria derivada da pandemia, na que poderemos escoitar obras de diferentes estilos interpretadas por talentos emerxentes do piano, o saxofón, o violín, o fagot e o clarinete.

O primeiro dos concertos terá lugar o martes, 1 de febreiro ás 20.30 horas. Nel, o pianista Yuri Durán Castro interpretará a Sonata Nº23, Op. 57 “Appasionata”, de Ludwig van Beethoven, e o violinista Andrés Fernández de la Peña tocará a Sonata para violín y piano Nº3, Op.108 de Johannes Brahms, con acompañamento ao piano de Daniel Carmona.

O ciclo continuará o luns, 14 de febreiro, cun programa que inclúe composicións de Jacques Ibert, Florent Schmitt e Lars Erik Larsson, interpretadas ao saxofón por Ana Rivas Gestal e Andrea González Pérez. Ambas contarán con acompañamento ao piano de Brais González Pérez.

Na mesma semana terá lugar o terceiro dos recitais. O martes 15 de febreiro, a violinista Uxía Gómez Medal interpretará o Concerto para violín e orquestra Nº1, Op.26 de Max Bruch, co acompañamento ao piano de Haruna Tabeke. A seguir, o fagotista Esteban García Vidal tocará o Concerto en mi menor para fagot e orquestra de Antonio Vivaldi e a Romanza para fagot e piano de Edward Elgar. Contará con acompañamento ao piano de Álvaro Blanco Seoane.

Os dous últimos concertos do ciclo serán o luns 21 e martes 22 de febreiro. No primeiro deles soarán o Concerto para clarinete e orquestra en LA Maior, KV 622 de Wolfgang Amadeus Mozart e As pezas de Fantasía op. 43 para clarinete e piano de Niels Gade, que serán interpretadas polo clarinetista Xoel Agustín López Méndez acompañado ao piano por Brais González Pérez.

O conxunto de saxofóns Meraki Quartet será o encargado de pechar o ciclo. Andrea González Pérez, Noelia Fraga Rivera, Alicia Caride Posada e Sergio Piñeiro Martínez executarán a Suite Holberg de Edward Grieg e o Cuarteto de corda Nº12 “Americano” de Antonin Dvořák.

Todos os concertos son de balde previa a reserva de praza nos formularios habituados na web da Área de Cultura da USC. O prazo para formalizar a reserva en cada un dos recitais ábrese unha semana antes da súa celebración e conclúe o propio día do evento.

Xa no mes de marzo, a promoción de figuras emerxentes da interpretación musical continuará coa celebración do V Ciclo de Novos Talentos Musicais. Daquela poderanse escoitar composicións para piano, frauta, óboe, trompeta e violín executadas polas persoas seleccionadas o pasado 22 de xaneiro para participar nesta nova edición.
Universidade de Santiago de Compostela