Skip to main content

Un estudo do Campus Terra determina que os viñedos de Galicia aproveitan entre o 30 e o 40% da auga que reciben

A investigación de doutoramento dirixida polo profesor Javier J. Cancela Barrio constitúe un estudo pioneiro neste eido en Galicia, ao tempo que permite avanzar no coñecemento dos requirimentos de auga que presentan as vides galegas. De feito, María Fandiño achega e presenta na súa tese ferramentas axeitadas para mellorar o proceso de adaptación da viticultura galega ao cambio climático, un proceso no que a rega se antólla coma unha das técnicas agronómicas que vai ter máis relevancia a curto prazo.

As diferentes estratexias de rega das vides, nas etapas de formación dos gromos, floración e envero, tal e como se coñece unha das fases do ciclo de maduración da uva, son obxecto dun detallado estudo na tese realizada por María Fandiño. Esta investigadora da USC, que tamén abrangue na súa análise os procesos de desfolla precoz (floración) das vides, conclúe que a estratexia de auga aplicada desde o envero supón unha aproximación para o equilibro vexetativo-produtivo e favorece a obtención dunha calidade de uva apropiada. Asemade, engade, na desfolla, a rega reduce a produción pero reporta melloras significativas na calidade das uvas.

A elevada pluviosidade rexistrada en Galicia ao longo de determinadas épocas do ciclo da vide cobre as demandas as demandas de recursos hídricos da planta, aínda que unha boa parte desta cantidade de auga non é aproveitada polas vides, dado que pasa a percolación profunda e/ou escoramento superficial pola terra, explica.

María Fandiño advirte asemade de que a presenza de vexetación permanente (adventicias) nas plantacións de vides galegas obriga a facer unha avaliación específica da súa demanda hídrica. Neste senso, as pescudas desenvolvidas por esta investigadora da EPS de Enxeñaría da USC permiten determinar que se ben as cepas de vides dos viñedos de Galicia aproveitan entre un 30 e un 40% da auga recibida en forma de precipitación ou a través da rega, a cuberta vexetal existente consume outro terzo dos recursos hídricos dispoñibles, mentras que outro 40% desaparece por evaporación do solo, factor que, segundo precisa, non pode entenderse como negativo, xa que aporta humidade á terra.

A tese de doutoramento presentada por esta enxeñeira agrónoma recolle tamén os coeficientes culturais para xestionar a rega de xeito práctico para os viticultores, o que facilita así a transferencia dos resultados da investigación ao sector vitícola galego, a fin de que melloren a produtividade dos seus cultivos, optimicen a eficiencia no uso da auga e aumenten as súas producións.

Tribunal de tese e cualificación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e do Instituto das Ciencias da Vide e do Viño, Mar Vilanova de la Torre, presidiu o tribunal encargado de avaliar a investigación de doutoramento presentada por María Fandiño. A profesora da Universidade de Castela A Mancha, Amelia Montoro Rodríguez, e José Manuel Miras Ávalos, do Centro de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria (CITA) de Aragón, completaron a formación dun xurado que outorgou a esta tese doutoral a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.
Universidade de Santiago de Compostela