Skip to main content

A UVigo acolle un percorrido pola historia dos seus premios de pintura

Faino reunindo unha selección de 14 das obras gañadoras deste certame nunha mostra que, como salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na súa inauguración, permite afondar “no traballo percorrido, no traballo feito desde hai moitos anos”, a través de obras que “se atopaban espalladas pola Universidade” e que se reúnen por primeira vez nunha exposición na sala emprazada na Facultade de Belas Artes, onde se formaron gran parte dos gañadores e gañadoras destes premios.

Xunto a Soto, a inauguración de A complexidade do rectángulo contou coa participación da directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, e do vicedecano de Calidade de Belas Artes, Javier Tudela, que puxo de relevo a importancia do patrimonio artístico. “”É un legado visual e artístico que hai que construír, un legado que nos define como seres humanos”, salientou Tudela, que destacou que ao igual que desde as ciencias, desde as artes e humanidades, tamén “construímos documentos e relatos, que forman parte dunha tradición de busca na que estamos amplamente interesados”. Nese senso, o videcano lembrou que “o patrimonio, en xeral, xera problemas, pero tamén nos dá unha posibilidade de lectura diferente de como se constrúe o ser humano e a súa actividade”.

Dúas décadas de creación

Na escolma de obras que se reúnen nesta exposición, coordinada pola responsable da sala, Chelo Matesanz, figuran as primeiras premiadas nestes galardóns, como De fresa, de Nieves Sierra, ou Siamo fuori, da hoxe profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Itziar Ezquieta, recoñecidas nos anos 2002 e 2003, respectivamente. Os cadros Sonrisa Nuclear, de Alexandre Melluso; Reproducctor de cidades, de Arturo Reboiras; O teléfono que chama..., de Salvador Figueira; Interiores, de Gonzalo José Rey, xunto cunha obra sen título de María Peña, forman parte tamén da escolma de obras premiadas nas primeiras edicións deste galardón.

Con respecto aos traballos premiados a pasada década, na mostra atópanse pinturas como 20 de junio de 1976, coa que Marta González foi recoñecida en 2014; e La Femme, coa que Sheela Tato era distinguida ao ano seguinte. Tamén están presentes nesta mostra Sin título (concreto-abstracto), de Víctor Hugo Costas, obra en gañadora en 2015; así como a peza ...Y quemada, coa que Rebeca Lar era premiada en 2017. Un conxunto de pezas monocromas do profesor e investigador Marcos Covelo e os dous cadros nos que María Montserrat Gay presenta unha vista cenital das Cíes como metáfora de certas particularidades do territorio galego forman parte, por outra banda, das obras premiadas nos últimos anos. Por último, no acceso á sala preséntase Saudade, unha obra que a alumna de doutoramento de Belas Artes Blanca Nieves Lourés realizou tecendo tiras de lenzos da súa autoría e outra serie de teas e pola que recentemente era premiada na edición número 18 destes galardóns.

Convocatoria para a sala

Na súa inauguración, o vicerreitor do campus puxo de relevo a implicación da Facultade de Belas Artes para “seguir buscando o mellor para esta sala” e, nese obxectivo, anunciou tamén a publicación nas próximas semanas da resolución que rexerá a presentación de proxectos expositivos para este espazo, que serán avaliados, explicou, “por un grupo de persoas expertas”.
Universidade de Vigo