Skip to main content

A UDC pon a disposición dos medios de comunicación o seu Directorio de expertas para visibilizar o traballo das investigadoras

Avanzar na loita contra as desigualdades de xénero é unha das finalidades do directorio de expertas da Universidade da Coruña “UDCientíficas”, https://udcientificas.com/, que se presentou esta mañá na Reitoría.

A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte, Cristina López, xunto coa concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade da Coruña, Yoya Neira, e a directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas, Teresa Piñeiro, explicaron esta iniciativa que pretende dar visibilidade pública do traballo realizado polas investigadoras da UDC, a través dun portal web que recolle o perfil das profesoras con datos do seu labor investigador e de contacto. O directorio nace coa participación de 157 profesoras que teñen a súa ficha na web, cifra que, segundo a directora do Cexef, esperan duplicar ao longo deste ano.

O Directorio de Expertas “UDCientíficas” ten como obxectivos, por un lado, dar a coñecer o talento investigador da Universidade da Coruña e, polo outro, fomentar a presenza das mulleres nos medios de comunicación como fontes expertas. Segundo a última edición do informe “Quién figura en las noticias” do proxecto Monitoreo Mundial de Medios, 2020; nos medios españois as mulleres apenas supoñen tres de cada dez fontes expertas e só o 13% das fontes académicas.

O directorio de expertas, estrutúrase arredor de áreas de coñecemento, especialidades e liñas de investigación. Unha información que vai facilitar a busca de mulleres expertas nun tema concreto a través de palabras chave. Cada unha das fichas de expertas ten un enlace ao seu perfil en ORCID (plataforma que provee un identificador dixital único e persistente para persoas do ámbito científico e académico, ademais de integrar publicacións e outros datos da traxectoria académica das persoas investigadoras), á súa páxina de persoal docente e investigador da Universidade da Coruña e ao seu Google Scholar. Tres recursos externos que están en continua actualización e que permiten ter unha idea optimizada da especialización docente-investigadora de cada unha das expertas.

Segundo manifestou Teresa Piñeiro na rolda de prensa, “na Universidade da Coruña temos moito talento e moi potente, que non se visibilicen nos medios as mulleres científicas e tecnólogas pode facer pensar que non existen e as nenas necesitan referentes”.

Para a vicerreitora de Igualdade, “a Universidade da Coruña como servizo público defínese con este directorio de expertas”. Cristina López lembrou que o vindeiro 11 de febreiro se celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e desde a Universidade, con esta e outras accións, pretenden amosar o liderado e a visibilización das mulleres que traballan na universidade. “Este directorio é un gran de area para ir eliminando as desigualdades”, concluíu.

A concelleira Yoya Neira asegurou que “todo o que se faga en estudos feministas repercute en toda a sociedade”. A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade da Coruña explicou a participación do Concello nesta iniciativa que se inclúe dentro dun convenio amplo entre o Concello e a Universidade da Coruña dotado con 490.000 euros, dos que 25.000 están destinados a varias accións do Cexef, entre as que está o Directorio de Expertas e ademais outras iniciativas como un proxecto de bibliodiversidade, varios podcast e dúas xornadas. Todos eles relacionados co feminismo e coa visibilidade das mulleres científicas e tecnólogas para que sexan referentes das nenas.

Foto: Desde a esquerda, Teresa Piñeiro, directora do Cexef; Cristina López, vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte, e Yoya Neira, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade da Coruña.
Universidade da Coruña