Skip to main content

Xustiza adicará máis de 112.000 euros á creación do Graduado Universitario en Ciencias Policiais e Detective Privado

O conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, Xesús Palmou, xunto co reitor da Universidade de Vigo, Domingo Docampo, e o catedrático de Dereito Penal, Javier de Vicente Remesal, presentaron de xeito oficial o título de Graduado Universitario en Ciencias Policiais e Detective Privado, que está previsto que comece a impartirse durante o vindeiro curso académico cun máximo de 60 alumnos. O departamento que dirixe Xesús Palmou contribuirá a sufragar os gastos necesarios para a creación deste ciclo formativo con 112.500 euros.

A creación desta carreira policial cunha titulación universitaria de grao medio, que será pioneira en España, vai a permitir poder contar nos Corpos de Seguridade con persoas formadas na Universidade en materias relacionadas co Dereito, a Criminoloxía, a seguridade ou as ciencias técnicas e informáticas.

O titular de Xustiza destacou, durante a súa intervención, a importancia da formación das Forzas e Corpos de Seguridade xa que “só desde unha formación o máis completa posible e desde a capacitación profesional se pode conseguir unha maior garantía de seguridade cidadá, que é un dos pilares básicos da convivencia”. Así, o conselleiro sinalou que “a nova Lei de Policía de Galicia eleva o nivel de formación para o acceso ás distintas Policías da nosa Comunidade Autónoma, pasando do grupo D ao C, coa titulación de bacharelato”.

A superación do Graduado Universitario en Ciencias Policiais e Detective Privado implicará a habilitación para o exercicio da función de detective privado e prevese que facilite o ingreso nos Corpos de Seguridade, o que, sen dúbida, contribuirá a mellorar o traballo diario dos policías, en defensa da seguridade dos cidadáns.

CEXESGA

A Consellería de Xustiza, ademais de sufragar parte dos gastos de creación deste curso, facilitará o uso das instalacións do Centro de Estudos Xudiciais e de Seguridade de Galicia (CEXESGA) para a realización das prácticas contidas no plano de estudos da titulación, así como a participación do director do CEXESGA, José Antonio Vázquez Taín, e do director xeral de Interior da Xunta de Galicia, José Benito Suárez, na Comisión Académica que desenvolverá este novo ciclo formativo.

A colaboración da Consellería para a posta en marcha desta nova titulación, enmárcase dentro das inciativas levadas a cabo por este departamento para organizar programas de formación, perfeccionamento e actualización profesional no ámbito policial e da seguridade, en colaboración con centros de formación de ámbito universitario e profesional.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia