Skip to main content

A Cátedra José Ángel Valente da USC compila nun volumen estudos sobre a vida e a obra do poeta

A obra recolle, ampliadas, os relatorios pronunciados no simposio homónimo que tivo lugar na Facultade de Filoloxía da USC no pasado mes de novembro.

A correspondencia de José Ángel Valente, unha documentación que se custodia por desexo do poeta na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, está composta por miles de cartas, postais, telegramas e faxes que recibiu ou, en copia, que enviou dito autor, como mostran os epistolarios xa editados relativos a personalidades españolas (como Alberto Jiménez Fraud, Jorge Guillén, María Zambrano, Max Aub ou case todos os poetas da súa idade) ou latinoamericanas (como Borges, Cortázar, Paz, Lezama ou Vargas Llosa).

Este volume sobre a relación epistolar de Valente parte de Luís Cernuda, de quen se ocupa o poeta e director da Cátedra Valente da USC, Claudio Rodríguez Fer. A profesora Dolors Perarnau, doutora en Filosofía pola Universidade Autónoma de Barcelona, abrangue a relación do poeta co filósofo catalán exiliado en México Ramón Xirau, mentres que o profesor Manuel Fernández Rodríguez trata as ligazóns co tamén filósofo, ademais de ensaísta e editor colombiano Rafael Gutiérrez Girardot.

Respecto da relación epistolar de Valente con escritores galegos, esta obra inclúe a Vicente Risco, chamado “mestre” por Valente nas súas Cántigas de alén, e de cuxo estudo se ocupa a poeta Olga Novo. Asemade, a profesora da USC Carmen Blanco analiza os escritos con Rafael Dieste, mentres que Armando Requeixo aborda nesta obra un estudo da relación entre Valente e o seu colega estudantil e fillo de Vicente Risco, Antón Risco. Camilo José Cela, que editou a Valente na súa revista Papeles de Son Armadans e cuxa poesía completa foi prologada por el, é interpretado neste volume por doutora en Teoría da Literatura Arantxa Fuentes Ríos.

Outro dos bloques de ‘Valente epistolar’ confórmano poetas tan afíns e tan amigos como o xudeu exipcio de expresión francesa Edmond Jabès, de quen se encarga a ensaísta María Lopo; o peruano Emilio Adolfo Westphalen, unha figura analizada polo filólogo Juan Manuel do Río Surribas, e o xudeu arxentino Juan Gelman, cuxas conexións con Valente son obxecto de estudo por parte da investigadora Cristina Fiaño.

A dimensión de Valente como tradutor e tamén como autor traducido tamén cobra importancia neste volume, que inclúe un traballo sobre J. M. Cohen feito pola políglota filóloga romanesa Adina Ioana Vladu. Joachim Sartorius, Eugenio Montale ou José Bento son outros dos tres tradutores ligados a Valente e de cuxo estudo se ocupan neste libro Rosa Marta Gómez Pato, Cristina Marchisio e Saturnino Valladares, respectivamente.
Universidade de Santiago de Compostela