Skip to main content

Transferencia e relacións coa empresa, a debate nos almorzos formativos de BioIncubaTech

O ciclo desenvolverase ata o 16 de marzo con relatores de referencia a nivel estatal e internacional que trasladarán os seus coñecementos aos asistentes, dende un punto de vista práctico e baseado nas súas experiencias de éxito. As actividades realízanse nunha contorna en liña, onde o relator expón e intercambia as súas ideas durante hora e media, dando paso a continuación a encontros privados entre relator e asistentes, previa inscrición, a fin de expoñer e concretar dúbidas e intereses.

BioIncubaTech lanza estes seminarios cara a sectores bio, da saúde e das tecnoloxías alimentarias, que conforman o ecosistema do proxecto, pero ofrece as xornadas de forma aberta e gratuíta ao público, previa inscrición, “co obxectivo de beneficiar ao ecosistema empresarial galego e enriquecer ao máximo a interacción e colaboracións que a actividade propón”, explican dende a organización do ciclo.

Programa

Na vindeira sesión, o 17 de febreiro ás 10.00 horas, participará Raquel Egea, CEO en ALMA Medical Imaging e que falará sobre boas prácticas no emprendemento do sector Biotech dende a súa ampla experiencia na posta en marcha de iniciativas de éxito. O 23 de febreiro Irene Sanchez García, directora de Innovación da Fundación Científica AECC, explicará como se organiza a innovación na entidade e cales son as súas vías de financiamento. O 9 de marzo, Carmen Eibe, directora do departamento de Coordinación de Proxectos en Pharmamar, expoñerá como se organizan as relacións con empresas e a transferencia na entidade en que traballa, así como o seu modelo único de desenvolvemento ao servizo do paciente.

O luns 14 de marzo será a quenda de Pío Salvador Aguirre, xerente de GENYO, o Centro Pfizer-Universidade de Granada, quen abordará o establecemento de relacións con empresas e as súas particularidades dende a experiencia da xerencia. Como colofón do ciclo, o 16 de marzo participará Rubén Hidalgo, director do departamento Ecosistema Innovación e Emprendemento en CAPSA, quen explicará o modelo de innovación aberta que ten a entidade co obxectivo de contribuír á alimentación do futuro.

Liderado dende a AVTE

BioIncubaTech, incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias, é un proxecto liderado pola área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, xunto coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e UNINOVA, e está cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. Neste sentido, BioIncubaTech é unha das iniciativas que está incluída dentro da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía que a Xunta de Galicia pon en marcha para o período 2021-2025.

Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional - FEDER dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 PO Proxecto ‘Incubadoras de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía ás micropemes Fundación INCYDE’ - Cofinanciado polo FEDER nun 80%.
Universidade de Santiago de Compostela