Skip to main content

Galicia reciclou un 1,4% máis de envases de plástico, latas e briks en 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que os galegos reciclaron o ano pasado un 1,4% máis de envases de plástico, latas e briks a través do contedor amarelo, incrementando en 458,92 as toneladas recuperadas.

Tras lembrar que en 2021 os galegos tamén enviaron a Sogama 405 toneladas menos de desperdicios incluídos na fracción resto —aquela que se recolle a través do contedor xenérico e que se corresponde coa chamada bolsa negra—, a responsable autonómica considerou estas cifras “significativas” tendo en conta que se corresponden co período inmediatamente posterior ao 2020, marcado pola influencia que tivo a pandemia da covid e o confinamento domiciliario na produción de residuos.

Á vista destes datos, a conselleira considerou que unha gran maioría dos galegos están xa totalmente comprometidos coa xestión sustentable e eficiente dos residuos urbanos e cun consumo máis responsable nos seus fogares.

Durante unha visita á Baña, precisamente, a responsable autonómica puxo como exemplo a este concello coruñés, polos bos resultados acadados o ano pasado tanto desde o punto de vista da produción de lixo convencional como das taxas de reciclaxe de envases lixeiros.

Neste sentido, indicou que A Baña foi un dos municipios galegos que logrou reducir máis neste período a bolsa negra —34 toneladas menos que o ano anterior—. Así mesmo, a recuperación de envases de plástico, latas e briks tamén aumentou de forma notable no concello, cun total de 46,41 toneladas recollidas o ano pasado, un 55,2% máis que no exercicio anterior.

Acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, a conselleira visitou o punto limpo municipal, construído polo Goberno galego en 2005 e que desde entón ofrece á veciñanza un lugar onde levar e depositar determinado tipo de residuos especiais.

O funcionamento desta instalación, segundo indicou, é unha mostra máis do compromiso municipal coa xestión do lixo de orixe doméstica e a posta á disposición da veciñanza tanto de espazos axeitados para o seu almacenamento, como do material e os recursos necesarios para garantir unha correcta separación en orixe.

A este respecto, lembrou que o concello coruñés é un dos 222 adheridos en Galicia ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, grazas ao cal 30 vivendas unifamiliares do municipio contan xa co seu propio composteiro para autoxestionar a fracción orgánica dos seus residuos e utilizala para xerar compost de calidade, que poden reutilizar nas súas propias hortas e terreos.

Por todo isto, a conselleira felicitou ao alcalde da Baña, Andrés García, subliñando que grazas ao esforzo e ao traballo realizado neste eido, os concellos galegos avanzan cara a unha xestión máis eficiente e correcta dos residuos municipais, o que se traduce tamén nun aforro económico importante que beneficia de forma directa aos cidadáns.

Neste sentido, explicou que Sogama aplica desde 2019 unha redución do 10% no canon que lle cobra aos concellos polo tratamento dos residuos a cambio de que acrediten unha redución da produción de lixo e/ou un aumento da reciclaxe dos envases lixeiros. O concello de A Baña leva tres anos beneficiándose deste incentivo, cun aforro de máis de 18.000 euros que repercutiu nas facturas do lixo que pagan os veciños por este servizo.

Pola súa banda, o rexedor agradeceu que desde a Xunta se considere que A Baña “está facendo as cousas ben” en materia de residuos e subliñou o importante papel e implicación que está a xogar neste sentido a veciñanza. “Se entre todos poñemos un pouco de sensatez, contribuiremos a mellorar o medio ambiente”, engadiu.

Galegos máis comprometidos

Cómpre lembrar que aínda que a xestión dos residuos de orixe doméstica é unha competencia municipal, o Goberno galego traballa e apoia aos concellos para axudalos a conseguir os obxectivos marcados pola UE nesta materia.

En concreto, a conselleira referiuse á obriga de implantar, antes do 31 de decembro de 2023, a recollida diferenciada da fracción orgánica a través do quinto contedor, o de cor marrón. Un obxectivo que Galicia aspira a cumprir, tal e como lembrou, grazas a unha ampla rede de infraestruturas integrada por 17 instalacións á que a Xunta destinará preto de 40 millóns de euros e que dará servizo á practica totalidade dos galegos.
Sogama