Skip to main content

Tanxugueiras e Red Hot Chilli Pipers primeiras confirmacións para #Ortigueira2022

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira volve coa que será a súa edición máis longa. #OMáisLongoDaHistoria terá lugar do 10 ao 17 de xullo, con Tanxugueiras e Red Hot Chilli Pipers como dous das súas cabezas de cartel. Despois de dúas cancelacións consecutivas por causa da pandemia orixinada pola Covid-19, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira presenta as primeiras confirmacións de grupos asistentes á que será a edición máis longa da súa historia, do 10 ao 17 de xullo.

Desde o comité organizador búscase apoiar e difundir a cultura galega con máis forza se cabe do que xa viña facendo durante as últimas edicións.

Tanxugueiras son as artistas revelación da fusión da música tradicional e os ritmos urbanos. Olaia, Aida e Sabela, cantareiras dunha nova década, destacan como as máximas expoñentes dunha xeración aberta á evolución e á reformulación da música tradicional galega, contando con referentes como Leilía, Mercedes Peón ou Milladoiro.

Tras o seu paso polo Benidorm Fest, onde se postularon como as favoritas do público para representar a España en Eurovisión 2022, están chamadas a levar a súa enerxía e revolución por escenarios de todo o mundo.

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira repite a súa aposta polo equilibrio entre os talentos emerxentes e consolidados do noso panorama folk, non en van o Festival xa contou co trío de pandeireteiras na última edición celebrada no verán de 2019.

A elas súmanselles, chegados desde Escocia, os Red Hot Chilli Pipers, para o que será o seu primeiro concerto en terras galegas.

Tras innumerables concertos e xiras ao redor do mundo o grupo escocés encherá o escenario principal coa súa fusión de rock e música tradicional escocesa nun espectáculo que xa é considerado como un fenómeno mundial.

A organización quere agradecer as numerosísimas mostras de agarimo do público e o apoio recibido durante os últimos dous anos e espera poder ofrecer un festival inesquecible a todxs xs amantes da música celta!

Máis información na nosa páxina web www.festivaldeortigueira.com
Festival de Ortigueira