Skip to main content

O Observatorio da Gobernanza e o Instituto Galicia Sur analizan a toma de decisións dos profesionais sanitarios durante a pandemia

Xunto ao desenvolvemento dunha ferramenta de simulación, baseada en intelixencia artificial e estatística avanzada, o proxecto coordinado polo grupo de investigación do IISGS eHealth en áreas sanitarias integradas busca tamén coñecer como foi esa toma de decisións nas diferentes ondas da pandemia, a través dunha serie de entrevistas a directivos, xestores e persoal médico, tanto de atención primaria como hospitalaria.

“Estamos realizando entrevistas semiestruturadas para conseguir comprender como tomaron decisións no marco do inicio da pandemia”, salienta Enrique Varela, coordinador do Observatorio da Gobernanza G3 e decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública. Trátase dun traballo que iniciaron o pasado ano con responsables e persoal de diferentes centros de saúde e continúan neste 2022 pondo o foco no contexto hospitalario, co propósito de abordar, como sinala, dúas “dimensións complementarias pero que teñen racionalidades distintas”. Co foco nesta liña de traballo, os investigadores do observatorio mantiveron unha reunión de traballo cos coordinadores de Practicum Direct, o médico e responsable da Unidade de Calidade da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés, Modesto Martínez, investigador principal, e o médico internista do Hospital Álvaro Cunqueiro Ismael Said. “Practicum Direct é un proxecto cunha perspectiva moi tecnolóxica, moi de xestión de datos masivos, pero grazas á colaboración da Universidade conseguiuse avanzar moito nun subproxecto que ten que ver coa aprendizaxe en canto á xestión de toma de decisións nun momento de máxima incerteza, como foi a primeira onda da covid-19”, sinala Said.

Practicum Direct é un proxecto financiado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), na convocatoria de axudas para rescate de proxectos galegos ISCIII-Fondo COVID-19 (código IN845D-2020/03) e cofinanciado pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no Programa Operativo Feder Galicia Unha maniera de facer Europa 2014-2020. Cun orzamento de máis de 270.000 euros, reúne no seu equipo de traballo a profesionais sanitarios de diferentes perfís, así como a expertos en enxeñaría ou xestión pública, entre os que se atopan os tamén investigadores do Observatorio da Gobernanza Óscar Briones e Bruno González, así como a consultora de saúde pública Olga Solas, que participou nesta xuntanza de forma virtual.

Reflexións e sensacións que complementan os datos

“Non é posible tomar unha decisión baseándonos só nos datos, polo que había que ter en conta esa visión máis de políticas públicas”, salienta Said dunha liña de traballo que lles está permitindo rexistrar “as sensacións, as necesidades e as reflexións das persoas que estiveron diante da xestión da pandemia”. Centrada na análise das diferentes ondas desde a perspectiva dos "informantes clave", ata a data realizáronse unha decena de entrevistas ao a persoal directivo e xestores de centros sanitarios. Neste punto, Varela pon de relevo como esa definición dun modelo de toma de decisións ten que ir máis aló de aspectos clínicos e analizar tamén “modelos que están baseados nas percepcións dos xestores e dos cadros profesionais, tanto sanitarios como mesmo do persoal de administración”.

Trátase, como salienta Said Criado dun “exercicio de aprendizaxe que vainos servir de moito, porque o obxectivo final é aprender do ocorrido para poder asumir no futuro novas pandemias ou catástrofes”. Da información reunida, explica, extraeranse “mapas conceptuais” nunha “liña paralela” á centrada no traballo con datos masivos do sistema sanitario. “Estamos xerando un modelo de decisión con dúas patas, que ten que ver coa xestión pública, pero tamén relacionado coa evidencia científica baseada en datos”, salienta o coordinador xunto con Martínez de Practicum Direct. Non en van, conclúe, “a toma de decisións dun directivo do futuro deberá estar relacionada cos datos que poida adquirir, ben estruturados, de sistemas de información dixital, pero tamén dun
marco de xestión”.

Futuras accións de transferencia

“É un subproxecto con vida propia, no que investigadores en ciencias da saúde e en ciencias sociais están aprendendo uns de outros”, subliña Varela, que incide na importancia que ten, tanto para o grupo de investigación como para a Facultade de Dirección e Xestión Pública, tomar parte nun proxecto de e-saúde con expertos en diferentes eidos. Practicum Direct estenderase ata finais do presente ano, no que o Observatorio de Gobernanza proxecta levar a cabo diferentes accións de transferencia no campus. Por un lado, adiantou Varela, está previsto organizar neste curso “un pequeno seminario académico para contar como vai a investigación”, ao que sumaría a proposta de levar a cabo, tamén na facultade, “un taller específico para directivos” do eido sanitario.
Universidade de Vigo