Skip to main content

'Herbario de Rosalía', un paseo literario a través da botánica

Este Herbario é obra da propia López Sández e da tamén profesora da USC, María Isabel Fraga Vila, xunto co tratamento fotográfico de Miguel Fraga Vila. Unha significativa mostra desta obra integrada por 150 pregos poderá visitarse do 19 de febreiro ao 25 de marzo no Real Xardín Botánico (RJB-CSIC) de Madrid. Coa exposición ‘Herbario Rosalía de Castro. Nasín cando as prantas nasen’, preténdese “render tributo á creadora literaria que nos ensinou a mirar a paisaxe doutro xeito”, explicaron López Sández, Cabo Aseguinolaza e Rábade Villar, comisarios/as da mostra.

Segundo explica María López Sández, durante o ano 2019 ela mesma e María Isabel Fraga Vila realizaron un herbario físico inspirado na obra rosaliana, para o que tiveron que realizar previamente un baleirado completo da súa creación literaria, para localizar a totalidade das plantas e flores mencionadas. “Seguindo o ciclo anual e privilexiando os espazos que Rosalía de Castro percorreu e describiu nas súas obras, seleccionouse o material: unha importante serie de rosas, de acordo coas máis de setenta mencións que teñen na obra de Rosalía; pero tamén de herbas do cemiterio ou herbas do campo florido, en consonancia coa valoración da flora humilde que foi común aos autores marcados polo romanticismo, desde William Wordsworth ata a propia Rosalía”, sinala López Sández á vez que, apunta, “sen o coñecemento de botánica de María Isabel Fraga non se podería levar a bo termo este herbario” para aclarar que, “é máis literario que científico”.

Estruturada en cinco seccións

A mostra atópase estruturada en cinco seccións: rosas, herbiñas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Todas elas van acompañadas de paneis explicativos que relacionan cada sección coa obra de Rosalía de Castro e o nexo que hai entre natureza e literatura. Ademais, unha proxección audiovisual permitirá ver o herbario na súa totalidade. A mostra tamén alberga obxectos cedidos pola casa Museo Rosalía de Castro como primeiras edicións dos libros da poeta ou o debuxo dunha paisaxe realizada polo seu fillo, o pintor Ovidio Murguía de Castro.

No marco da mostra, e coincidindo co Día Internacional da Árbore e da Poesía, o 21 de marzo, o Real Xardín Botánico acollerá unha mesa redonda sobre ‘A imaxinación botánica das escritoras do século XIX’ que terá lugar no Salón de Actos do Real Xardín Botánico, dende as 19.00 horas e con entrada libre ata completar a capacidade do espazo. O acto contará coa presenza das profesoras Catherine Davies, Pura Fernández, María López Sández e Solange Hibss.

Cartografías do afecto

A exposición ‘Herbario Rosalía de Castro. Nasín cando as prantas nasen’ conta co apoio e a colaboración da Xunta de Galicia, o programa Xacobeo 21-22, a USC e o Museo Casa Rosalía. Así mesmo, está vinculada ao proxecto ‘Cartografías do afecto e usos públicos da memoria: unha análise xeoespacial da obra de Rosalía de Castro’, dirixido por Fernando Cabo, financiado pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, e parcialmente polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
Universidade de Santiago de Compostela