Skip to main content

Galicia, referente do emprendemento biotecnolóxico en BioGalicia Summit

O encontro servirá para abordar as oportunidades de internacionalización do sector biotecnolóxico, coñecer os medios e ferramentas máis eficaces para a captación de financiación privada, así como coñecer en detalles particularidades dos fondos Next Generation aplicados ao ámbito das Ciencias da Saúde e a agroalimentación, e o papel das Peme no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia impulsado polo executivo central, para o que se contará coa participación de representantes do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España e da Xunta de Galicia a través de IGAPE.

O evento previsto para o día 3 de marzo, con sesións de mañá e tarde, complementarase coa posibilidade de concertar reunións do día 2 ao 4, a modo de xuntanzas de ‘networking’ que sirvan para poñer en contacto os actores deste ámbito co obxecto de canalizar a investigación cara o mercado e as empresas, explorar novas oportunidades de colaboración entre compañías e abrir nichos de mercado desenvolvendo conxuntamente iniciativas innovadoras.

Dentro do programa de BioGalicia Summit, o mesmo día 3 de 12.00 a 14.00 horas terá lugar BioInvestorsDay, un punto de encontro privado que servirá para que as empresas biotecnolóxicas incubadas presentes os seus proxectos a axentes da comunidade inversora con interese en colaborar no desenvolvemento de proxectos empresariais de impacto. Durante a xornada, desenvolverase unha mesa redonda na que se dará a oportunidade de escoitar opinións de especialistas no sector sobre as megatendencias de inversión en biotecnoloxías do sector saúde e alimentarias.

Entre outros axentes, está prevista a participación da compañía galega Zendal ou Estrella Galicia pola súa capacidade innovadora en biotecnoloxía aplicada á agroalimentación. Tamén participarán entidades que apostan pola dixitalización como DATAlife, Galacteum, AMSlab e Gradiant, ou compañías que tratarán as tendencias na aplicación da biotecnoloxía como Archer Daniels Midland (ADM), do ámbito da agricultura e Merck KGaA, do ámbito da saúde. A mesma cita servirá, por outra banda, ás sociedades especializadas en capital risco Semola Tech Ventures, Unirisco, CRB Inverbio e UCB Ventures.

BioIncubaTech

BioIncubaTech, incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias, é un proxecto liderado pola área de Valorización, Transferencia e Emprendemento ( AVTE) da USC, xunto coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e UNINOVA, e coa participación da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. Neste senso, BioIncubaTech é unha das iniciativas que está incluída dentro da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía que a Xunta de Galicia puxo en marcha para o período 2021-2025.

Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional - FEDER dentro do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020 PO Proxecto "Incubadoras de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía ás micropemes Fundación INCYDE" - Cofinanciado polo FEDER nun 80% co lema ‘Unha maneira de facer Europa’.
Universidade de Santiago de Compostela