Skip to main content

eXXperimenta en Feminino recibe o XVI Premio Clara Campoamor como un recoñecemento ao traballo de base a prol da igualdade

“Este premio é un recoñecemento a todo o traballo de base, a todo o traballo coral, realizado polas investigadoras e profesoras dos centros do campus de Ourense que participamos en eXXperimenta en Feminino, polo que agradecemos moitísimo a súa concesión”. Con estas palabras, o colectivo eXXperimenta en Feminino, formado por un centenar de docentes da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Universitaria de Enfermaría da Universidade de Vigo, recibiu este luns a nova da concesión do XVI Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades que outorga o Concello de Ourense.

Rachar estereotipos

O xurado decidiu conceder por unanimidade o galardón “ao grupo de profesoras eXXperimenta en Feminino” pola “promoción, visibilización e posta en valor de referentes femininos nas ciencias, as tecnoloxías, as enxeñerías e as matemáticas (STEM), pola divulgación a través de exposicións das achegas das mulleres a estas ciencias, servindo de modelo e concienciando á mocidade sobre a necesidade de contribuír, homes e mulleres en igualdade, ao desenvolvemento científico e tecnolóxico da nosa sociedade”. Igualmente, o xurado destacou que “cos seus traballos divulgativos contribúen a romper estereotipos de xénero nas titulacións universitarias, en especial nas STEM, hiperrepresentadas por homes”.

Este premio foi creado en 2006 para pór en valor o traballo que diversos colectivos, organismos ou persoas “levan a cabo de maneira exemplar e concienciada no ámbito da (des)igualdade de xénero”. O seu xurado estivo formado nesta ocasión por Eugenia Díaz, concelleira de Igualdade de Ourense; Mª Elena de Jesús, directora do CIMM; María Cabanelas, do Consello Municipal da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes; Ana Belén Yáñez, da Comisión de Investigación e Seguimento da Violencia Exercida contra as Mulleres; Rosa María Díaz, do ámbito sociocultural, e Mª Jesús Vázquez, xefa de negociado da Concellaría de Igualdade. O premio entregarase o día 9 de marzo, co gallo da conmemoración o día 8 do Día Internacional das Mulleres.

Compromiso e esforzo

Como coordinadoras do colectivo premiado, as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo, salientan a súa sorpresa e agradecemento pola concesión do galardón. “Isto anímanos moito a seguir traballando. Este premio é o colofón a un ano no que cremos que se deu un avance moi importante en eXXperimenta en Feminino, poñéndoa ao servizo de toda a sociedade ourensá a través da celebración da súa feira anual na rúa”, comentan. Antes da pandemia, indican, a iniciativa aglutinaba a arredor de 120 investigadoras e profesoras do campus de Ourense, cifra que se viu reducida neste último ano a arredor de cen debido ás limitacións provocadas pola pandemia. “eXXperimenta en Feminino é un traballo de todas; sen o compromiso e o enorme esforzo que fan todas as investigadoras e profesoras que participan nela coa divulgación e coa igualdade non sería posible”, apuntan desde a organización da actividade.

Por un lado, engaden desde eXXperimenta en Feminino, “é marabilloso facer esta actividade pero por outra parte sería marabilloso non ter que facela, porque iso significaría que a fenda de xénero entre homes e mulleres estase reducindo. Pero desgraciadamente iso non acontece, de feito parece que é ao revés, que estamos sufrindo un retroceso nos últimos anos”. Así, detallan as investigadoras, “en carreiras como Matemáticas ou Física, que chegaron a ter alumnado de arrredor de 50-50 homes e mulleres, nos últimos dez anos está baixando a presenza de mulleres. En titulacións máis técnicas, como Informática ou Aeroespacial, a presenza feminina non fai máis que baixar nos últimos 20 anos”. Neste contexto, comentan desde eXXperimenta en Feminino, “iniciativas como a nosa seguen sendo moi necesarias” xa que “é incrible que vaiamos para atrás pero é o que as estatísticas din que está acontecendo”. “O noso éxito sería desaparecer, non ser necesarias”, apuntan por último.

Unha feira, dúas exposicións e un certame escolar

eXXperimenta en Feminino naceu no ano 2018 arredor da conmemoración o 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Desde entón, cada ano organiza, co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense, ademais das escolas e facultades implicadas, a súa feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. Este ano por primeira vez a feira saíu das instalacións universitarias e trasladouse, co apoio do Concello de Ourense, á céntrica rúa do Paseo da cidade da Burgas co obxectivo de que centros educativos e familias puidesen visibilizar como a investigación “tamén é cousa de mulleres”. Máis de 250 escolares visitaron esta edición.

Incidindo nesta tarefa de visibilización de referentes femininos, a actividade tamén conta con dúas exposicións itinerantes (con versión virtual na web do proxecto) que percorren cada curso académico centros educativos galegos. Trátase das mostras Exxperimenta en Feminino (formada por 14 pósters de gran tamaño sobre mulleres cun destacado papel no eido STEM) e As mulleres que nos levaron á lúa (lanzada co apoio da Deputación de Ourense e centrada nas mulleres que participaron no éxito da misión do Apolo XI). A iniciativa tamén conta cun Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, ao que este ano se presentaron 130 traballos visuais e literarios feitos por estudantes de Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria ourensáns.
Universidade de Vigo