Skip to main content

O Catedrático de Historia Galega Justo Beramendi pronunciará unha conferencia en Oia sobre o nacionalismo

O catedrático de Historia Contemporánea pola Universidade de Compostela, Justo Beramendi, impartirá unha conferencia sobre “O nacionalismo galego na II República: as leccións da historia” na Casa de Cultura de Santa María de Oia, ás 17 horas do sábado 16 de abril. O acto está organizado polo BNG de Oia.

Beramendi está considerado un dos maiores expertos da historiografía galega contemporánea. A nivel estatal, considérase un dos referentes intelectuais de maior importancia á hora de analizar a historia e a evolución dos nacionalismos. Foi membro fundador de organizacións como o Museo do Pobo Galego e a Fundación Castelao e actualmente colabora no foro “Novo Estatuto”. A actividade de Beramendi tamén se dirixe aos medios de comunicación, xa que é colaborador habitual de distintas cabeceiras de prensa escrita, de medios electrónicos e medios audiovisuais. De feito, Beramendi é o guionista da serie documental “Galicia na transición”, producida por RTVE.

Na conferencia deste sábado, Beramendi abordará o nacionalismo galego nun momento concreto da súa historia: a Segunda República. Entre 1931 e 1936, personaxes como Castelao, organizacións como o Grupo Nós e mais o Partido Galeguista e entidades como o Seminario de Estudos Galegos contribuíron a que en Galiza se redactase un Estatuto propio. Grazas a isto, Galiza está considerada actualmente, xunto a Catalunya e Euskadi, unha “nación histórica”.

Xornadas culturais do BNG de Oia.-

Este acto forma parte dunha serie de xornadas que o BNG de Oia vén organizando desde o ano pasado e que teñen como obxectivo achegar a Oia a importantes referentes da cultura galega contemporánea. O ciclo inaugurouse cunha conferencia sobre Higinio Martins, impartida polo profesor e presidente da Associaçom Galega da Língua, Bernardo Penabade. Martins, que actualmente reside na Arxentina, está considerado un dos referentes internacionais no estudo da cultura celta e as súas orixes líganse a Oia –de onde eran seus pais.

Posteriormente, foi o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato quen achegou aos vecinos de Oia á historia da lingua galega. Freixeiro Mato é actualmente profesor de Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade da Coruña e autor de diversas obras sobre a lingua e a cultura do país.

O obxectivo final deste ciclo de conferencias é atraer á vila de Oia aos representantes máis destacados da vida intelectual de Galiza, para incrementar o coñecemento entre os veciños de todo o Baixo Miño da cultura e da lingua propias.

INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA.
Justo Beramendi González realizou estudos de Enxeñería Industrial en Madrid (1959-1967), de Traducción en Barcelona (1969-1974) e de doutorado en Historia en Santiago en 1987. Foi xerente da Comisión de Cultura e secretario técnico do Colexio de Arquitectos de Galicia (1974-84), cofundador do “Museo do Pobo Galego” (1976), presidente da Xunta Reitora, vicerreitor da USC (1990-94), cofundador das revistas “Negaciones” (Madrid, 1976-78), “A Trabe de Ouro” (1990- ) e “Tempos Novos” (1997), membro fundador da Fundación Castelao e Director da sección de pensamento político da fundación Vicente Risco. Beramendi é Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e actualmente colabora no foro “Novo Estatuto” . As súas obras considéranse auténticos referentes no estudo dos procesos políticos en Galiza
BNG-Oia