Skip to main content

Manuel Fraga destacou que en Galicia creáronse 163.000 novos postos de traballo entre 1995 e 2004

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, destacou a etapa de “progreso permanente” que está a protagonizar a Comunidade galega referíndose, entre outros apartados, á creación de emprego. O mandatario autonómico sinalou que entre 1995 e 2004, Galicia rexistrou unha “notable creación de emprego, que se cifra en 163.000 novos postos de traballo”. Manuel Fraga fixo esta reflexión no decurso do acto de colocación da primeira pedra do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra. Nun acto no que tamén estiveron presentes a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, o alcalde de Pontevedra, e mailo presidente da Deputación Provincial, entre outras autoridades.

O presidente da Xunta referiuse ao “avance moi significativo” experimentado por Galicia desde os inicios da década dos noventa. Así, a Comunidade galega “é hoxe máis avanzada economicamente, máis integrada socialmente, máis cohesionada territorialmente e, o que aínda é máis importante, máis consciente que nunca da súa propia valía e do importante papel que está desempeñando e que pode desempeñar en España e Europa”.

Ademais, Manuel Fraga sinalou que nos últimos anos, Galicia viviu “unha intensificación do ritmo do seu crecemento económico e da súa converxencia”, tal e como amosa o incremento do PIB por habitante que alcanza na actualidade o 81,6% da media española, “cando non hai moito era o 78,7%”, dixo.

“Galicia –engadiu o titular da Xunta- presenta hoxe unha estrutura produtiva totalmente moderna e no seu tecido produtivo estase a visualizar un forte incremento da productividade do traballo, malia a importante suba no número de empregos”. A esto hai que engadirlle o proceso de internacionalización da economía galega, materializado no “espectacular incremento” das exportacións galegas (ata un 551% entre 1990 e 2004).

Ademais, a Comunidade galega é unha das Autonomías que máis recursos dedica ao I+D sobre o PIB, cun 0,86% que se sitúa entre os primeiros de España, só superada por Madrid, País Vasco, Navarra a e Cataluña.
Neste sentido, Manuel Fraga salientou que “os esforzos do Goberno da Xunta por mellorar substancialmente o noso capital público son evidentes”. Así, as infraestruturas recibiron un impulso considerable nos últimos quince anos, apuntou o mandatario galego, ao tempo que destacou o contraste co “estancamento relativo que experimentaran nos anos inmediatamente anteriores”.

PAPEL PRIORITARIO

O titular do Goberno galego subliñou que nesta estratexia económica da Xunta, o papel das cidades é prioritario, “porque estamos convencidos de que o seu dinamismo ten que ir parello á súa suficiencia financeira”. “De aí que mudásemos o criterio de reparto e atribución do Fondo de Cooperación Local –que xa non é finalista e está aberto a todos os concellos- e que, en só dous anos, a achega que recibe Pontevedra puidese pasar de 950 mil euros a máis de 1,4 millóns”, apuntou.

Segundo o máximo mandatario galego, Pontevedra ten que xogar un importante rol nesta tarefa común de progreso permanente de Galicia. Así, desde a Xunta de Galicia trabállase co convencemento de que este ten que ser un obxectivo compartido por todo o conxunto social. “Neste senso –engadiu- imos seguir traballando por mellorar a dotación de infraestruturas, condición necesaria e imprescindible para captar investimentos de proxectos empresariais”.

O novo edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra terá unha superficie de 46.602,30 metros cadrados distribuídos en dous sotos, un semisoto, unha pranta baixa e dez altas. Deseñado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto, as instalacións acollerán ademais das dependencias propiamente administrativas (uns 18.000 metros cadrados) unha gardería, a sede da Policía Autonómica, laboratorios de sanidade, salón de actos para 400 persoas, sala de exposicións, cafetería, aulas de formación, oficina bancaria e de correos, arquivo e aparcadoiro.

ENCE

Tras o acto, e en resposta aos xornalistas, o presidente da Xunta asegurou que “non é momento de polemizar”, aínda que confirmou que a empresa Georgia Pacific ten decidido trasladar a Navarra o proxecto industrial que tiña previsto para Pontevedra. “O feito é certo, xa se tiña anunciado, pero eu espero que aínda atopemos o camiño”, asegurou Manuel Fraga neste sentido. Así mesmo, dixo que a solución a este asunto virá dada “por sentido común”, “como temos sido capaces de mediar na folga do lixo e se ten resolto”, engadiu.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA COLOCACIÓN DA PRIMEIRA PEDRA DA SEDE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA DE GALICIA EN PONTEVEDRA

- “Pontevedra ten un pasado notable e unha longa tradición de laboriosidade, como cidade aberta ao mar, e de apertura ás novidades que forxaron a modernidade nos comezos do século XIX. Pero é ao longo destes últimos quince anos cando Pontevedra, coincidindo co proceso de modernización que experimenta o conxunto de Galicia, adquire novos perfís para asentarse nun proceso definitivo de plena converxencia con outras urbes de recoñecido dinamismo”.

- “Dende os inicios da década dos noventa, Galicia experimentou un avance moi significativo. Como froito deste compromiso da Xunta, que tivo no pulo do desenvolvemento urbano un dos seus eixes máis sinalados, Galicia é hoxe unha Comunidade máis avanzada economicamente, máis integrada socialmente, máis cohesionada territorialmente e, o que aínda é máis importante, máis consciente que nunca da súa propia valía e do importante papel que está desempeñando e que pode desempeñar en España e Europa”.

- “Ao longo destes últimos tempos, Galicia viviu unha intensificación do ritmo do seu crecemento económico e da súa converxencia. Só por citar un dato, na actualidade o PIB por habitante en Galicia é xa o 81,6% da media española, cando non hai moito era o 78,7%”.

- “Non se pode esquecer, ademais, que este crecemento acompañouse dunha notable creación de emprego, que se cifra en 163.000 novos postos de traballo entre 1995 e 2004”.

- “Galicia presenta hoxe unha estrutura produtiva totalmente moderna e no seu tecido produtivo estase a visualizar un forte incremento da productividade do traballo, malia a importante suba no número de empregos. Haille que engadir a isto, tamén o irreversible proceso de internacionalización da nosa economía, que se materializa no espectacular incremento das nosas exportacións, ata un 551% entre 1990 e 2004”.

- “Os esforzos do Goberno da Xunta por mellorar substancialmente o noso capital público son evidentes de seu. As infraestruturas de todo tipo recibiron un impulso considerable nos últimos quince anos, o que contrasta co estancamento relativo que experimentaran nos anos inmediatamente anteriores”.

- “Galicia é agora unha das Comunidades Autónomas que máis recursos dedica ao I+D sobre o PIB, cun 0,86% que se sitúa entre os primeiros de España, só superada por Madrid, País Vasco, Navarra e Cataluña”.

- “Nesta estratexia económica da Xunta o papel das cidades é prioritario, porque estamos convencidos de que o seu dinamismo ten que ir parello á súa suficiencia financeira. De aí que mudásemos o criterio de reparto e atribución do Fondo de Cooperación Local –que xa non é finalista e está aberto a todos os concellos- e que, en só dous anos, a achega que recibe Pontevedra puidese pasar de 950 mil euros a máis de 1,4 millóns”.

- “Pontevedra ten que xogar un importante rol nesta tarefa común de progreso permanente de Galicia. Nós, dende a Xunta, estamos certos de que este ten que ser un obxectivo compartido por todo o conxunto social”.

- “Neste senso vamos seguir traballando por mellorar a dotación de infraestruturas, condición necesaria e imprescindible para captar investimentos de proxectos empresariais”.

FICHA TÉCNICA:

- Orzamento: 40.500.000 euros

- Autor do proxecto: Manuel Gallego Jorreto

- Características:

O edificio consta de 46.602,30 metros cadrados, distribuídos en dous sotos, un semisoto, pranta baixa, e dez prantas altas. Ademais das dependencias propiamente administrativas (uns 18.000 metros cadrados) o edificio dispón de gardería, sede da Policía Autónoma, laboratorios de sanidade, salón de actos para 400 persoas, sala de exposicións, cafetería, aulas de formación, oficina bancaria e de correos, arquivo e espacio para aparcadoiro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia