Skip to main content

As rexións europeas apoian as propostas de Galicia sobre o futuro dos fondos rexionais

As rexións como Galicia deben recibir o financiamento comunitario suficiente para acadar a converxencia durante o periodo 2007-2013. Así o expresa o dictame aprobado en Bruxelas polo Comité das Rexións, e que supón un importante respaldo ás propostas presentadas pola delegación galega.

O secretario xeral de Relacións coa UE e Cooperación Exterior da Xunta, Jesús Gamallo, afirmou durante o debate sobre os reglamentos dos Fondos Estructurais para o periodo 2007-2013 e ante a comisaria de Política Rexional, Danuta Húbner, a necesidade de que as rexións da antiga Unión Europea que aínda non acadaron a converxencia real sigan recibindo o financiamento suficiente para reducir o retraso do seu desenvolvemento.

Esta petición galega foi respaldada polas rexións europeas, que aprobaron un texto no que se insta á Comisión Europea a que aplique o principio de solidariedade e atenda as necesidades dos novos Estados membros, pero sen que iso vaia en detrimento das rexións da antiga Europa dos 15.

Jesús Gamallo afirmou que os fondos da política de cohesión deben repartirse de forma equitativa e xusta entre todas as rexións da UE ampliada, e é necesario o apoio financeiro a Galicia para que conclúa o seu proceso de converxencia. Tamén urxiu a que se alcance un acordo sobre o reparto xa no Consello Europeo de xuño, porque un retraso pode provocar trastornos económicos e inestabilidade para as rexións comunitarias.

O secretario xeral Relacións coa UE e Cooperación Exterior da Xunta mostrouse de acordo coas propostas da Comisión para que o límite das perspectivas financeiras se estableza no 1,24 por cento da renda nacional bruta comunitaria. En particular, sinalou que debe garantirse que o límite inferior da política de cohesión se sitúe no 0,41 por cento do Produto Interior Bruto, o que suporía 336.000 millóns de euros.

Os datos revisados do PIB galego recentemente publicados por Eurostat confirman, como defendía a Xunta, que Galicia seguirá sendo Obxectivo 1. Jesús Gamallo afirmou que agora xa se está a traballar nunha segunda fase. “Galicia seguirá sendo Obxectivo 1, pero agora debemos pedir que os recursos sexan suficientes e que o reparto deses fondos beneficie á nosa comunidade”, dixo.

OUTROS ACORDOS

Os dictames aprobados polo Comité das Rexións recollen a maioría das propostas galegas. Así, apóiase a concentración das axudas nas rexións Obxectivo 1, onde se inserta Galicia; a profundización na cooperación transfronteriza e interrexional; ou o reforzamento da seguridade marítima.

Jesús Gamallo presentou durante a sesión plenaria varias enmendas que foron aprobadas na súa totalidade. Entre elas está que o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) poida financiar intervencións dirixidas a previr os incendios forestais, así como a deforestación provocada polo lume. Esta medida permitiría crear e manter as infraestruturas de prevención, o suministro de equipos e o desenvolvemento de instrumentos comúns para analizar, vixíar e controlar risco de lumes.

A delegación galega tamén solicitou á Comisión Europea que preste unha especial atención aos problemas relacionados co avellentamento da poboación, sobre todo cando esta realidade incide no crecemento e na estabilidade económica.

Os membros españois do Comité das Rexións elaboraron unha declaración conxunta na que se resalta o papel fundamental que a política rexional tivo no proceso de converxencia. No texto apóiase a continuación desta política para todas aquelas rexións, que, con independencia da ampliación, continúan sen acadar a media comunitaria.

Ademáis, na Declaración solicítase o establecemento dun periodo transitorio para o Fondo de Cohesión, dirixido aos países afectados polo efecto estatístico, e rexeita toda idea de renacionalización da política rexional.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia