Skip to main content

Play-Doc, Festival Internacional de Cinema de Tui, presenta catro retrospectivas inéditas en España

HELKE MISSELWITZ

Play-Doc presentará por primeira vez en España unha retrospectiva dedicada á cineasta alemá Helke Misselwitz (1947), unha das realizadoras máis importantes da última xeración da DEFA –a primeira compañía cinematográfica estatal de Alemaña Oriental tras a Segunda Guerra Mundial–. As películas que se poderán ver nesta retrospectiva documentan os cambios sociais e políticos da RDA da década dos oitenta, que levaron á reunificación de Alemaña e á caída do muro de Berlín.

A situación de desigualdade das mulleres baixo o réxime socialista, as dificultades das clases traballadoras e a perda da identidade cultural da mocidade, son os temas centrais dunha filmografía brillante. As súas películas, que foxen de consignas políticas e cuestionan o discurso oficial, son sobre todo, un retrato honesto e sen sentimentalismos da complexidade das relacións humanas. Helke Misselwitz acudirá a Tui para presentar as súas películas e falar da súa obra co público do festival.

DANNY LYON

Así mesmo, nesta edición poderase ver a primeira retrospectiva internacional dedicada a Danny Lyon (1942), prestixioso fotógrafo da Magnum, cuxo libro The Bikeriders (1965) está considerado como un dos documentos fundacionais do chamado Novo xornalismo. As súas imaxes da vida carcelaria, do movemento a favor dos dereitos civís e das nacións nativo americanas, son lendarias. Con todo as súas películas, filmadas en 16mm ao longo de 25 anos, permaneceron durante décadas sen poder verse. O programa incluirá algunhas das súas obras realizadas entre 1969 e 1985, e que retratan a vida na fronteira, as comunidades marxinadas de Novo México ou os traballadores ilegais.

Play-Doc presentará tamén en estrea internacional a súa última película SNCC finalizada en 2020 e na que Lyon recrea o apoxeo do movemento polos dereitos civís a través de centos de imaxes nunca antes vistas, capturadas a comezos dos anos sesenta e pertencentes ao seu propio arquivo.

RICHARD P. ROGERS

Tamén en estrea internacional, o festival galego presentará catro películas do realizador norteamericano Richard P. Rogers (1944 - 2001). Ao longo da súa vida artística, Rogers foi un celebrado director e produtor de cinema de non ficción así como un mentor e profesor en Harvard, onde daba clases de fotografía e cinema. O seu afán de coñecemento levoulle por medio mundo, dende as selvas de Nicaragua –onde filmou, xunto a Alfred Guzzetti e Susan Meiselas, a Revolución Sandinista e as súas secuelas–, ata as rúas da Albany de clase traballadora.

Neste programa, comisariado polo director dos Arquivos Cinematográficos de Harvard, Haden Guest, poderanse ver en exclusiva as curtametraxes máis persoais de Rogers, unha sorte de autorretratos nos que o cineasta utiliza a cámara non tanto para rexistrar o mundo como para darlle sentido, analizando de maneira crítica a súa propia vida e a súa arte.

Haden Guest estará presente no festival tudense para descubrir ao público este tesouro saído directamente dos arquivos da prestixiosa universidade norteamericana.

ANTÓNIO CAMPOS

A cuarta retrospectiva desta edición estará protagonizada polo portugués António Campos (1922-1999), cineasta amateur nacido en Leiria, cuxa obra singular, complexa e marxinal, que por moito tempo xulgouse perdida, ocupa hoxe un lugar destacado dentro da historia do cinema Portugués. As súa películas documentais ou de ficción, de marcado carácter etnográfico e antropolóxico, e realizadas practicamente en solitario, rexistran a evolución social, económica e psicolóxica dun país en plena transformación.

Para celebrar o centenario do seu nacemento, Play-Doc presentará en colaboración coa Cinemateca Portuguesa- Museu do Cinema e o CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe), a primeira retrospectiva española dedicada ao cineasta luso, que supoñerá así mesmo a estrea mundial da súa obra recentemente restaurada e dixitalizada polo ANIM- Arquivo Nacional de Imagens em Movimento.

Festival Internacional de Cinema Play-Doc