Skip to main content

A 2ª edición dos Instagrammers no Camiño duplicou o seu alcance con máis de 27 millóns de impactos

A súa experiencia foi seguida por milleiros de persoas durante as cinco xornadas en que percorreron os 100 últimos quilómetros do Camiño Mozárabe-Vía da Prata para conseguir a Compostela, entre o 31 de marzo e o 3 de abril.

Durante o Camiño os seis subiron vídeos e publicacións á súas contas de Instagram acadando máis de 9 millóns de visualizacións nas publicacións que fixeron nos seus muros e máis de 600.000 likes e preto de 8.000 comentarios nas fotos e vídeos que foron subindo durante a experiencia, baixo os cancelos #GaliciaDestinoSeguro e CamiñaAGalicia, promovendo que os seguidores agardaran con expectación as novas historias e incluso cancións que foron saíndo durante as xornadas do Camiño.

As historias dos seis participantes tamén tiveron repercusión tanto nos medios convencionais como noutras redes sociais, como Twitter ou TikTok, onde as súas experiencias foron seguidas por máis de 4 millóns de persoas.

A iniciativa volveu ser todo un éxito e, de feito, a conta oficial do Camiño de Santiago en Instagram @camiño_xacobeo incrementou en case 2.000 novos seguidores e os seus contidos foron visualizados por máis de 200.000 persoas durante estas cinco xornadas.

Promoción do Camiño

O vicepresidente primeiro da Xunta destaca que a iniciativa mantivo a súa esencia de transmitir a mensaxe de que Galicia está de moda. “Axudounos a promocionar Galicia como un destino seguro para desfrutar tanto como turista ou como peregrino da natureza, de espazos abertos e de pouca masificación como demandan na actualidade os visitantes”, asegurou.

Con esta acción, que demostrou ser todo un éxito, Alfonso Rueda incidiu en que a Xunta segue a sumar iniciativas de promoción do destino Galicia, do Camiño a Santiago e do Xacobeo en todos os formatos e para todo tipo de público, neste caso para “animar á mocidade a camiñar a Galicia neste Ano Santo a través dunha das redes sociais que máis empregan”.

De feito, esta segunda edición de Instagrammers no Camiño únese á campaña Camiña a Galicia, que tamén foi todo un éxito e ás campañas de promoción previstas a nivel internacional para atraer a turistas e peregrinos de todo o mundo.

A experiencia Instagrammers no Camiño xerou tamén un forte vencello entre os participantes e xerou unha corrente positiva arredor do Camiño.
Cada un co seu estilo e público, impactaron en milleiros de persoas que descubriron da súa man un xeito de facer o Camiño diferente polo que a experiencia foi tamén moi gratificante para todos eles, que seguiron subindo contido e respondendo preguntas ao longo desta semana, despois de completar o Camiño.

Ademais, nas súas contas os participantes fixeron un destacado no seu perfil para reunir toda a experiencia do Camiño, onde está recollida todas as stories que foron compartindo, e que está visible para os centos de persoas que diariamente visiten os perfís destes destacados influencers galegos.

Con esta acción, a Xunta segue a sumar iniciativas de promoción do destino Galicia e do Camiño a Santiago complementarias da campaña Camiña a Galicia, que se suman a outras iniciativas coas que se está a promover a celebración dun Xacobeo 21-22 máis amplo, pleno e internacional, na medida en que se vai recuperando a mobilidade.
Instagrammers no Camiño