Skip to main content

Unha xornada organizada pola UDC resalta as capacidades investigadoras de Galicia na transición dixital da cultura e o patrimonio

A transición dixital na cultura e o patrimonio centrou a xornada “Cultura Dixital: capacidades, retos e oportunidades no Sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia” celebrada no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

O encontro, organizado polo Campus Innova da Universidade da Coruña, en colaboración da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC), reuniu a un amplo grupo de investigadores das tres universidades galegas, así como aos directores do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Ao longo da mañá, presentáronse as liñas de investigación e proxectos relacionados coa transición dixital na cultura e o patrimonio nos que se están a traballar nos principais centros de investigación de Galicia.

Así mesmo, a xornada contou na súa conferencia inaugural coa participación de Sander Münster, profesor de Humanidades Dixitais na Universidad Friedrich Schiller de Jena (Alemaña). Sander Münster afondou sobre as tendencias e desafíos actuais do emprego das tecnoloxías 3D para a investigación e a educación en humanidades e presentou as perspectivas de investigación e as actividades da máquina do tempo da Unión Europea e os proxectos anteriores e en curso da súa cátedra.

O encontro puxo de relevo as capacidades do sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia en temas como os videoxogos, a lingua, a cartografía, a visualización de datos ou a historia contemporánea, entre moitos outros, e afondou na identificación dos retos e oportunidades aos que facer fronte.

O encontro foi clausurado polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso; o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago de Compostela, Vicente Pérez Muñuzuri; a directora da Área de Administración Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), María José García Sexto; e o secretario xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro.
Universidade de Santiago de Compostela