Skip to main content

Un foro aborda o vínculo entre mulleres STEM e transición enerxética

O foro, o único destas características que na actualidade hai en Galicia, nace con vocación de permanencia.

Un dos obxectivos da Cátedra é facilitar o debate, a reflexión e a transferencia de coñecemento no ámbito da transición enerxética, polo que “este seminario deséñase coa idea de que sirva de ponte entre o mundo académico e o profesional para compartir experiencias e analizar os desafíos da transición enerxética”, apuntan dende a organización do evento.

Programa

Para a súa primeira edición, a Cátedra de Transición Enerxética Genesal Energy quixo organizar un foro onde as mulleres STEM (acrónimo en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) con liderado e postos de responsabilidade fosen as verdadeiras protagonistas, “achegando un enfoque diferente nun sector no que o seu papel é cada vez máis importante, a pesar de que a presenza maioritaria segue sendo masculina, sobre todo nos postos directivos”, engaden.

Así, no marco da Cátedra de Transición Enerxética, oito profesionais da industria, a universidade e a administración pública, todas con cargos de responsabilidade, compartirán as súas experiencias e disertarán sobre cuestións como o talento, o emprego ou os retos da transición enerxética. Andrea Míguez da Rocha, da área de Desenvolvemento de Negocio de Reganosa; Beatriz Mato Otero, directora de Desenvolvemento Corporativo e Sustentabilidade de Greenalia; María Landeira Suárez, delegada en Galicia de Desenvolvemento Renovables de Naturgy; Natalia Barreiro Mata, directora da refinería Repsol da Coruña; Ángeles López Agüera, profesora universitaria coordinadora do Grupo de Investigación Aplicacións Enerxéticas Sostibles; Ángeles Santos Casal, directora de Recursos Humanos de Genesal Energy; Rebeca Acebrón San Miguel, CEO de Acebrón Group; e Marta Gómez Palenque, directora de Economía Circular do Goberno de Castela-A Mancha.

O I Seminario da Cátedra de Transición Enerxética Genesal Energy celebrarase o próximo 4 de maio, de 09.30 a 13.30 horas, no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da USC e as inscricións pódense realizar a través deste formulario ata completar a capacidade do espazo.
Universidade de Santiago de Compostela