Skip to main content

Astronomía, buracos negros e poesía no primeiro 'Transfronteirizas' presencial con Estíbaliz Espinosa e Gastón Giribet

Esta nova quenda de 'Tranfronteirizas' reúne a Estíbaliz Espinosa, cantante e escritora que ten convertido a súa curiosidade sobre o ceo e o universo en material sensible a través da súa obra; e a Gastón Giribert, físico teórico, que leva boa parte da súa traxectoria profesional traballando arredor de buratos negros e as abordaxes literarias e filosóficas sobre as dimensións do universo e estes astros que son fonte de numerosos paradoxos.

Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974) é escritora e comunicadora de ciencia, así como cantante. Estudou Socioloxía e Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña e astronomía como afeccionada. Publicou varios libros de poesía en galego (Curiosidade ou As neuronas irmás, entre outros), traducións, relatos e ensaio sobre literatura e ciencia. Organiza actividades ao redor da poesía, a astronomía e a música. Traballou para entidades como a Orquestra Sinfónica de Galicia, Museos Científicos Coruñeses e faino actualmente na Universidade da Coruña, onde imparte escritura creativa.

Gastón Giribet (Bos Aires, 1973) é doutor en física e profesor de Física Teórica da Universidade de Bos Aires. Tamén foi membro doutras institucións, como o Institute for Advanced Study de Princeton, a New York University e a Université Libre de Bruxelles. É autor de máis de cen artigos científicos e, xunto a José Edelstein, publicou o libro Cuerdas y supercuerdas: la naturaleza microscópica de las partículas y del espaciotiempo.

Rosa Montero

Organizado polo ArtLab do IGFAE, centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, 'Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ é un ciclo de diálogos virtuais emitidos en Youtube no que se convida a figuras do ámbito cultural a explorar as interseccións entre a arte e a ciencia con persoal investigador do centro, buscando un enfoque interdisciplinar. Nacido o 15 de maio de 2020 en plena pandemia nunha sesión con Rosa Montero, polo ciclo teñen pasado personalidades como Javier Ruibal, Alejandro Dolina, Anna R. Figueiredo ou Agustín Fernández Mallo co obxectivo de tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresión artísticas.
Universidade de Santiago de Compostela