Skip to main content

O sábado comeza o período hábil de caza de corzo na modalidade de axexo

O sábado día 16 de abril comeza a tempada de captura de corzo na modalidade de axexo, que se estenderá ata o 7 de agosto. Esta é unha das novidades recollidas na orde publicada no DOG do pasado 29 de marzo polo que se determinan as épocas hábiles de caza durante a tempada 2005-2006.

O pasado ano a caza do corzo mediante axexo autorizouse a partir do 2 de maio e ata o 1 de agosto. Con esta ampliación da tempada de capturas do corzo a Consellería de Medio Ambiente equipárase coas comunidades autónomas do Norte de España, que tamén establecen períodos similares.

Desde o 3 de setembro e ata o 23 de outubro de 2005 poderanse autorizar as modalidades de gancho, montaría e axexo, sábados, domingos e festivos para machos maiores de tres anos e desde o 1 ao 23 de outubro para as femias adultas en descaste. Na provincia de Pontevedra segue prohibida a caza desta especie cinexética.

CAZAR EN GALICIA

O período hábil para exercer a caza en Galicia, de maneira xeral, será o comprendido entre os días 12 de outubro de 2005 e 6 de xaneiro de 2006. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente mantén para esta tempada os días hábiles para a caza menor e maior os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.

Para poder practicar a caza é necesario estar en posesión e levar consigo varios documentos: licenza de caza, seguro de responsabilidade civil do cazador, D.N.I., permiso de armas e -nalgunhas modalidades- outras autorizacións específicas. Os menores de idade, para cazar con armas, deben ter un permiso especial e deben ir acompañados dalgún cazador maior de idade.

Outra das novidades que se recollen na orde de caza deste ano é ampliación do período de capturas do xabaril, que se prolongará do 31 de xullo de 2005 ao 29 de xaneiro de 2006, na modalidade de gancho ou montaría. Nas mesmas condicións poderá ampliarse o período hábil ata o 26 de febreiro, sempre e cando os Tecor o soliciten.

Asemade, segundo se establece no Decreto 21/2005 do 20 de xaneiro, de prevención de incendios e regulación de aproveitamentos forestais, quedan prohibidos os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados durante un período de tres anos desde a data do lume, salvo autorización expresa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

CAZA MENOR

Nos terreos de réxime cinexético común no que estea permitida a caza ao contar cunha superficie continua superior as 500 hectáreas, a cota máxima será de unha perdiz rubia e dous coellos por cazador e día. Nos terreos de réxime cinexético especial as cotas serán as que se establezan nos correspondentes plans de aproveitamento.

No tocante ás especies de caza menor cómpre sinalar que o período hábil para a captura de arcea e agacha poderase prolongar ata o 29 de xaneiro de 2006 e, mesmo chegará ata o 12 de febreiro en terreos cinexéticos de réxime especial e despois da solicitude acompañada dun plan de aproveitamento cinexético aprobado. A lebre poderase cazar entre o 12 de outubro e o 4 de decembro deste ano, en terreos de réxime cinexético especial. Poderanse autorizar ganchos para a caza do raposo desde o 3 de setembro ata o comezo da tempada regular, os xoves, sábados, domingos e festivos. Pola súa banda, os paspallás poderán capturarse entre o 27 de agosto e o 18 de setembro.

CAZA MAIOR

A Consellería de Medio Ambiente autoriza a caza do cervo, gamo e muflón en terreos cinexéticos de réxime especial, logo da presentación dun plan de aproveitamento cinexético. Nos concellos de Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Monfero, Pontedeume e Paderne, da provincia da Coruña, permítese a caza de cervo en calquera gancho ou montaría autorizada par ao corzo ou xabaril.

DANOS DA FAUNA CINEXÉTICA

Co fin de reducir os danos que se poidan producir na agricultura, na gandería, na silvicultura e na flora e fauna silvestres, os servizos de Conservación da Natureza das delegacións provinciais poderán acordar medidas de control. Fóra do período hábil de caza, estas medidas adoptaranse logo da comprobación dos danos existentes polos axentes da Consellería de Medio Ambiente.

LICENZAS 2004

Segundo os datos que manexa a Consellería de Medio Ambiente, durante o pasado ano expedíronse en Galicia un total de 59.271 licenzas para a práctica da caza. Por provincias, a Coruña rexistrou o maior número de permisos, cun total de 18.825, seguida de Pontevedra, con 15.491. Nas provincias de Ourense e Lugo rexistráronse 12.444 e 12.511 licenzas de caza, respectivamente.

Galicia conta na actualidade con 445 tecores –terreos cinexeticamente ordenados- onde se practica a caza. Na provincia de Lugo rexístrase o maior número de espazos deste tipo, un total de 156, mentres que na Coruña hai outros 121. Nas provincias de Ourense e Pontevedra están rexistrados 97 e 71 tecores, respectivamente.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia