Skip to main content

Asuntos Sociais considera insuficiente a reforma anunciada polo Gobierno central para fomentar o emprego nas cooperativas

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais considera insuficiente o incremento das subvencións para a contratación de desempregados nas cooperativas anunciada polo secretario xeral de Emprego, Valeriano Gómez. A reforma impulsada polo Goberno central non recolle incentivos que si ten en marcha a Xunta e esquece aos colectivos máis desfavorecidos no mercado laboral, aos que si atenden con carácter prioritario as políticas autonómicas.

Así, a Xunta contempla axudas e programas para unha serie de grupos que non se ven incentivados especificamente polo Ministerio. Entre eles, o programa Labora de axuda á contratación para mozos menores de 30 anos; as subvencións ás mulleres que se incorporen a unha actividade con baixo índice de emprego feminino; as axudas a mulleres titulares de familias monoparentais e con cargas familiares; as axudas a mulleres desempregadas maiores de 25 anos e menores de 45; subvencións á contratación de alumnos do Plan FIP, de escolas obradoiro, de obradoiros de emprego, de casas de oficio e de programas de cooperación; e as axudas a desempregados que extinguisen o contrato por causa xusta a vontade do traballador, por despido colectivo, por inadaptación ás modificacións do posto de traballo, por necesidade de amortización ou por peche da empresa.

A reforma do Goberno central non incluirá subvencións para o inicio da actividade dunha cooperativa para mulleres ou mozos menores de 30 anos, financiada en Galicia con 3.000 euros por socio traballador. Tampouco establecerá axudas aos socios para adquirir dita condición, estipuladas pola Xunta en 3.600 euros con carácter xeral e en 4.200 no caso de que os beneficiarios sexan mulleres, menores de 30 anos, parados de longa duración, discapacitados ou persoas en risco de exclusión social.

Ademais, a Consellería de Relacións Laborais sinala a necesidade de que a reforma estatal vaia acompañada do incremento das partidas orzamentarias concedidas ás Comunidades Autónomas para poder facer fronte ao gasto que supón o aumento das axudas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia