Skip to main content

O Libro de Horas, considerado o máis antigo que se conserva en Galicia, incorpórase á mostra 'Santiago de Compostela no tempo'

Xunto ao reitor, recibiu a obra o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. Segundo os especialistas, trátase do libro máis antigo que se conserva en Galicia, anterior ao Códice Calixtino.

A directora da Biblioteca Universitaria, María Isabel Casal, e o comisario da exposición, Manuel Gago, explicaron que a última vez que se puido contemplar foi nunha exposición organizada polas bibliotecas universitarias españolas no ano 2000 e no propio recinto do Colexio de Fonseca.

Agasallo da raíña Sancha

O Libro de horas de Fernando I foi un encargo da raíña Sancha a modo de agasallo para o seu marido, Fernando I de Castela, no marco dunha estratexia de lexitimación dos seus dereitos, cuestionados pola aristocracia. O manuscrito contén textos litúrxicos, musicais e unha rica iluminación, destacando unha escena onde a raíña ordena ao escriba a entrega do libro ao seu consorte. Segundo apunta Manuel Gago, é un dos primeiros testemuños da linguaxe formal románica e da espiritualidade medieval privada.

Santiago de Compostela no tempo

'Santiago de Compostela no tempo' é a primeira das sete mostras dun amplo proxecto expositivo, Cidades no tempo, que afondará na cultura e identidade de cada unha das sete principais urbes galegas. Este venres inaugurouse a exposición na sede de Afundación, na rúa do Vilar, onde poderá ser visitada ata setembro, permitindo facer un percorrido pola cidade a través de documentos históricos, fotografías, ilustracións e obxectos de alta cultura e gran valor que acompañarán ao Libro de horas de Fernando I.
Universidade de Santiago de Compostela