Skip to main content

Dúas décadas despois da súa primeira edición, a Conferencia internacional sobre enerxía renovable e calidade da enerxía regresa a Vigo

Durante tres días, no marco da 20ª edición da International Conference on Renewable Energy and Power Quality (Icrepq’22), tanto en formato presencial como en liña, presentaranse preto de 150 traballos, 54 en sesións orais e 94 en posters sessions, aos que se engaden seis relatorios en sesións plenarias a cargo de sete relatores, que abordarán cuestións como o hidróxeno verde, a substitución de motores eléctricos na UE, o desenvolvemento da compatibilidade electromagnética ou o reto dunha descarbonización eficiente. O congreso tamén conta cun dous espazos de exposición de tecnoloxías OPALRT e MegaResistores.

“A Icrepq é a principal conferencia internacional dedicada integramente ás enerxías renovables e á calidade da enerxía”, sinala Manuel Pérez Donsión, presidente do Comité directivo e docente e investigador da EE Industrial, en relación con este foro para especialistas, que desde hoxe e ata o venres abordarán o progreso actual e tendencias futuras nestas dúas áreas, pero tamén temas como: vehículos eléctricos, máquinas e accionamentos eléctricos, electrónica de potencia ou estratexias de control, seguimento e diagnose.

A XX edición da Conferencia internacional sobre enerxía renovable e calidade da enerxía chega a Vigo por segunda vez na súa historia, logo da celebración da súa primeira edición na cidade no ano 2003 e de pasar por cidades como Barcelona, Zaragoza, Sevilla, Santander, A Coruña, Bilbao, Madrid ou Almería, onde se celebrou o pasado ano. A European Association for the Development of Renewable Energies, Environment and Power Quality (EA4EPQ), a Universidade de Vigo e a Asociación Española para el Desarrollo de la Ingenería Eléctrica (Aedie), son as encargadas da organización da vixésima edición da conferencia, que esta mañá foi inaugurada cun acto que contou coa participación da vicerreitora da Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; o director do Departamento de Enerxía do Inega, Juan Rodríguez; a concelleira da Área de Orzamentos e Facenda do Concello de Vigo, Ana Mejías; o director da EE Industrial, Juan Pardo; a docente da Universidad del País Vasco, Inmaculada Zamora; o representante do National Research Council de Italia, Giannpaolo Vitale e o presidente do Comité directivo da conferencia, Manuel Pérez Donsión.
Universidade de Vigo