Skip to main content

Belén Prado entregou á cooperativa Hortoflor 2 o galardón ao compromiso social promovido pola CEO

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laboriais, Belén Prado, asistiu en Ourense á I Edición dos Premios Transfronteirizos á Excelencia Empresarial. A titular do departamento autonómico fixo entrega á Cooperativa Hortoflor 2 do galardón ao compromiso social, destacando que as empresas son cada vez máis conscientes de que un comportamento responsable se traduce en éxitos comerciais duradeiros.

Na súa intervención, Belén Prado destacou que o sector empresarial estase a decatar de que o éxito comercial e a responsabilidade social son compatibles e que se reforzan mutuamente mediante a apertura de novas oportunidades laborais, un persoal máis motivado, melloras na comunidade local e máis prestixio social. Así mesmo, a responsable de Emprego sinalou que a responsabilidade social afecta a aspectos como a calidade do emprego, a formación, a igualdade de oportunidades, a prevención de riscos laborais ou a precocupación polo medio ambiente.

A conselleira de Relacións Laborais loubou a traxectoria da Cooperativa Hortoflor 2 e a súa contribución no incremento da renda dos productores da zona e na mellora da calidade de vida da poboación do lugar onde está implantada. Prado felicitou tamén aos responsables de Hortoflor 2 polo seu labor a prol do desenvolvemento rural.

A Cooperativa Hortoflor 2, dedicada á comercialización de productos de horta e flor cortada, ten máis de dúas décadas de traxectoria e conta con máis de 200 socios cooperativistas. As mulleres constitúen preto do 80% dos integrantes desta cooperativa e máis da metade dos socios teñen entre 30 e 40 anos. Ademais, a empresa contribúe á integración de emigrantes retornados e inmigrantes a través de convenios de colaboración coa Igrexa e Cáritas.

APOIO

Os Premios Transfronteirizos á Excelencia Empresarial, promovidos pola Confederación de Empresarios de Ourense, buscan apoiar e recompensar ás pequenas e medianas empresas instaladas na Eurorregión de Galicia e Norte de Portugal, que demostraran ser excelentes e melloraran a súa competitividade en todos os niveis da sociedade. Os premios recoñecen catro aspectos nos que poden destacar as empresas: a internacionalización, a innovación tecnolóxica, o compromiso social e o respeto ao medio ambiente.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia