Skip to main content

O grupo de traballo de estratexia enerxética da USC define accións de aforro e mellora de eficiencia para a súa aplicación a curto prazo

Son propostas para a súa implantación a curto prazo e que se complementarán cun plan estratéxico do que se informará en Consello de Goberno con medidas a medio e longo prazo. O conxunto de accións a acometer estarán recollidas nunha instrución de Xerencia na que se dará conta en detalle das iniciativas propostas.

A modo de medidas xerais de aforro enerxético, o grupo propón o apagado automático dos equipos informáticos en horario nocturno e en quenda de tarde nos edificios administrativos, programado de xeito centralizado agás para o persoal en réxime de teletraballo. Tamén se propón a redución do alumeado ambiental e ornamental, sen prexuízo do que sexa necesario por cuestións de seguridade.

Como xa se avanzaba na sesión constitutiva do grupo de traballo, prevese iniciar de xeito inmediato o control da temperatura e humidade así como o control e seguimento do uso de aparatos de climatización e a retirada de aparellos de calefacción portátiles. Neste senso, tamén se instalarán medidores en todos os edificios que permitan contabilizar o consumo de enerxía.

Peche de edificios e reorganización de horarios

Os edificios administrativos de Santiago e Lugo non terán actividade presencial en quenda de tarde dende o 1 de outubro. Concretamente, esta medida afectaría á Casa da Balconada, Colexio de San Xerome, servizos administrativos do edificio Cactus en Santiago e Lugo, Pavillón estudantil, Pavillón de Servizos, Unidade de Xestión Académica do Campus Norte, Vivendas dos Funcionarios e os espazos administrativos do Edificio Intercentros. Ademais, aqueles outros con horario de apertura de 8.00 a 22.00 horas deberán revisar antes do 30 de setembro as franxas de ocupación e comunicarán, de ser posible, a reorganización da súa actividade para reducir os períodos de apertura.

Entre o 23 de decembro de 2022 e o 9 de xaneiro de 2023 a USC pechará as súas instalacións, desenvolvendo a súa actividade de xeito non presencial. Para a organización do traballo e o desenvolvemento dos labores cotiáns empregaranse as ferramentas corporativas virtuais dispoñibles.
Universidade de Santiago de Compostela