Skip to main content

A G-Night, unha 'ponte' entre a cultura científica e a sociedade

Os centros de investigación da USC en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), e o Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), ocuparán xunto co Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), no que tamén participa a Universidade, o rol central da Gnight compostelá. O conxunto de actividades terá lugar a partir das 18.00 horas no Claustro de Fonseca, agás os relatorios impulsados polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), do que a USC é integrante, que se celebrarán no Salón de Graos do Colexio San Xerome.

“A Gnight é unha iniciativa europea que se desenvolve de xeito simultáneo en toda Europa”, explica o coordinador da iniciativa en Compostela e profesor da USC, José A. Costoya. “Queremos conectar a cultura científica co resto da sociedade, ser unha especie de ponte”, engade para logo subliñar que esta é unha iniciativa na que está involucrado o conxunto da comunidade científica galega. Así, o CiMUS impulsa os obradoiros ‘Biotecnoloxía na cocina’ no que se extraerá ADN utilizando utensilios que se poden atopar facilmente nunha cociña; e o taller ‘Fabrica o teu propio anticorpo’ no que as persoas participantes poderán construír o seu propio anticorpo e levalo consigo. No obradoiro ‘Gastronomía molecular’ do CiQUS aplicarase a ciencia á cociña tradicional, investigando as transformacións químicas e físicas que acontecen nos ingredientes durante a preparación dos alimentos. Neste taller trocarase o seu aspecto físico sen modificar o sabor.

O CiTIUS é o responsable do taller ‘Scalextric-IA’ que consistirá nunha carreira entre dous coches, un equipado con intelixencia artificial e o outro controlado polas persoas participantes no obradoiro coa axuda dun condutor. ‘NL4XAI’ mostrará como as máquinas intelixentes apoiadas pola Intelixencia Artificial poden axudar a tomar decisións informadas en situacións cotiás. Ademais, as persoas participantes neste obradoiro do CiTIUS poderán desafiar a máquina sobre as súas decisións preguntando por que (ou por que non) son correctas ou incorrectas. Pola súa parte, o taller ‘Menelaos’ consistirá en cámaras que captan imaxes en 3D e de maneira similar ao cerebro; mentres que ‘MISEL’ baséase no procesamento bioinspirado de imaxes con baixo consumo de potencia e tecnoloxías de vangarda.

O IGFAE, pola súa parte, dá pulo ao taller ‘Descubrindo a radiación: os raios cósmicos’ no que utilizando dous tipos de detectores, poderanse visualizar as partículas que chegan dende o espazo e bombardean constantemente a Terra dende todas as direccións.

‘Métodos de oxidación avanzada con nanopartículas magnéticas’ é un dos obradoiros do CRETUS que consistirá nunha demostración que empregará como método representativo dos métodos de oxidación avanzada un sistema foto-Fenton, simulando, con tinguiduras, a eliminación de microcontaminantes en augas empregando nanopartículas con propiedades magnéticas. ‘Produción de biopolímeros a partir de residuos graxos’, tamén do CRETUS, servirá para amosar como un reactor para tratar auga residual permite a recuperación de bioplásticos. Finalmente, este mesmo centro singular é o responsable dos obradoiros ‘Cálculo da pegada de carbono e hídrica dos alimentos’, no que os e as asistentes poderán avaliar o impacto ambiental das súas dietas de consumo alimentario e facer unha comparación coas emisións de CO2 equivalentes, amosando unha analoxía coa pegada de carbono do uso do coche como medio de transporte; e ‘Uso de disolventes eutécticos para a recuperación de coláxeno dos residuos de peixe’ no que se amosarán as propiedades singulares dos disolventes eutécticos, evidenciando como ao combinarse dous compoñentes sólidos, dan como resultado unha mestura líquida.

Pola súa parte, o CITMAga impulsa o ciclo de relatorios ‘Matemáticas para a Terra, o mar e la vida; mentres que o IDIS organiza os obradoiros ‘Mundos microscópicos’ e ‘Impresión 3D, do laboratorio ao doente’.

Lugo

O grupo de Innovación Docente da USC XuvenCiencia e a Asociación de Investigador@s AgroMar do Campus Terra converterán o 30 de setembro O Vello Cárcere de Lugo nunha sorte de laboratorio vivo no que se desenvolverán 17 obradoiros gratuítos de experimentación e tres charlas de divulgación científica orientadas a público de todas as idades co gallo da celebración da Noite europea das persoas investigadoras. A ‘G-Night’, recala na cidade amurallada por segunda vez co obxectivo de dar a coñecer o traballo desenvolvido pola comunidade científica, ademais de poñer en valor a importancia deste labor para a sociedade.

O programa de actividades organizadas na capital luguesa co gallo da 'G-Night' desenvolverase en quenda de tarde, de 18.00 a 22.00 horas, e inclúe actividades para todos os públicos en función da súa idade. As persoas interesadas en participar en calquera das sesións previstas xa pode formalizar a súa inscrición de balde nas instalacións do Vello Cárcere ou tamén a través do número de teléfono 982 297 195.

O público máis cativo atopará na 'G-Night' unha boa oportunidade para achegarse á ciencia a través do obradoiro ‘Xogando a aprender!’, así como das sesión de demostración ‘Trichinella, o verme que veu cear’, ‘Os inimigos microscópicos’, ‘O lado amargo do azucre’, ‘Que esconde a auga?’, ‘Doutor, que lle ocorre á miña vaca?’ ou ‘O peixe cebra como modelo animal’. Alén destas actividades expositivas abertas a todo o público tamén haberá outras dirixidas a grupos de máis idade sobre impresión 3D, fotosíntese artificial, realidade aumentada, árbores en tubos de ensaio ou hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental.

Á par da celebración destas sesións demostrativas, as instalacións do Vello Cárcere acubillarán tamén os obradoiros participativos de temática específica ‘Dío con luz: comunicación con fibra óptica’, ‘O que agochan as células’, ‘O solo que pisamos’, ‘Canta proteína ten?’ ou ‘A luz – regra do nanouniverso’.

O abano de actividades promovidas en Lugo por XuvenCiencia e AgroMar co gallo da celebración da Noite galega das persoas investigadoras mantén unha estreita ligazón temática coas liñas de investigación que se desenvolven no Campus de Lugo da USC. Asemade, alén dos talleres e as sesións demostrativas, o programa deste evento científico complétase con tres charlas divulgativas: ‘A análise sensorial: unha disciplina científica con moito miolo’, ‘Xenética de vangarda aplicada á saúde, mellora e conservación de recursos biolóxicos’ e ‘Esqueletos á escena’.
Universidade de Santiago de Compostela