Skip to main content

AI: More than Human ofrece cinema sobre intelixencia artificial ata o mes de febreiro

Este ciclo enmárcase no programa «Cultura por alimentos», unha iniciativa da Obra Social de ABANCA en favor de FESBAL. Así, o acceso a cada unha das sesións será a cambio da entrega dalgún alimento non perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos local. É necesario realizar unha reserva previa na web Ataquilla.com.

2001: Unha odisea no espazo (Stanley Kubrick, 1968) proxectarase o luns 26 de setembro ás 19.00 h. A película de ciencia-ficción por excelencia da historia do cinema narra os diversos períodos da historia da humanidade, non só do pasado, senón tamén do futuro.

Alien, o oitavo pasaxeiro (Ridley Scott, 1979) poderase ver o 10 de outubro. De regreso á Terra, a nave de carga Nostromo interrompe a súa viaxe e esperta aos seus sete tripulantes. O computador central, NAI, detectou a misteriosa transmisión dunha forma de vida descoñecida, procedente dun planeta próximo aparentemente deshabitado. A nave diríxese entón ao estraño planeta para investigar a orixe da comunicación.

O 24 de outubro proxectarase Blade Runner (Ridley Scott, 1982). A comezos do século XXI, a poderosa Tyrell Corporation creou un robot chamado Nexus 6, un ser virtualmente idéntico ao home pero superior a el en forza e axilidade, ao que se deu o nome de Replicante. Estes robots traballaban como escravos nas colonias exteriores da Terra. Despois da sanguenta rebelión dun equipo de Nexus-6, os Replicantes foron desterrados da Terra. Brigadas especiais de policía, os Blade Runners, tiñan ordes de matar a todos os que non acatasen a condena. Tras un grave incidente, o ex Blade Runner Rick Deckard é chamado de novo ao servizo.

The Matrix (Lilly e La Wachowski, 1999) poderase ver o luns 14 de novembro. Thomas Anderson é un brillante programador dunha respectable compañía de software. Pero fóra do traballo é Neo, un hacker que un día recibe unha misteriosa visita.
The imitation game (Descifrando enigma) (Morten Tyldum, 2014) proxectarase o 28 de novembro. Biopic sobre o matemático británico Alan Turing, famoso por descifrar os códigos secretos nazis contidos na máquina Enigma, o cal determinou o devir da II Guerra Mundial (1939-1945) en favor dos Aliados. Lonxe de ser admirado como un heroe, Turing foi acusado e xulgado pola súa condición de homosexual en 1952.

Metrópolis (Fritz Lang, 1927) poderase ver o 12 de decembro. Obra mestra do cinema e película capital do expresionismo alemán, trátase dunha visión apocalíptica da sociedade do futuro. Ano 2000. Na megalópolis de Metrópolis a sociedade divídese en dúas clases, os ricos que teñen o poder e os medios de produción, rodeados de luxos, espazos amplos e xardíns, e os obreiros, condenados a vivir en condicións dramáticas recluídos nun gueto subterráneo, onde se atopa o corazón industrial da cidade.

A película de animación Wall-E (Andrew Stanton, 2008) proxectarase o 26 de decembro. No ano 2800, nun planeta Terra devastado e sen vida, tras centos de solitarios anos facendo aquilo para o que foi construído -limpar o planeta de lixo- o pequeno robot Wall-E descobre unha nova misión na súa vida cando se atopa cunha moderna e lustrosa robot exploradora chamada EVE.

Her (Spike Jonze, 2013) proxectarase o 9 de xaneiro. Nun futuro próximo, Theodore, un home solitario a piques de divorciarse que traballa nunha empresa como escritor de cartas para terceiras persoas, merca un día un novo sistema operativo baseado no modelo de intelixencia artificial, deseñado para satisfacer todas as necesidades do usuario. Para a súa sorpresa, créase unha relación romántica entre el e Samantha, a voz feminina dese sistema operativo.

Ex Machina (Alex Garland, 2014) poderase ver o 23 de xaneiro. Nathan, un programador multimillonario, selecciona a Caleb, un mozo empregado da súa empresa, para que pase unha semana con el nun lugar remoto nas montañas co obxectivo de que participe nun test no que está involucrada a súa última creación: Ava, un robot-muller no que intelixencia artificial o é todo.

Na última sesión do ciclo, que terá lugar o 30 de xaneiro, poderase ver de novo a A.I. Intelixencia Artificial (Steven Spielberg, 2001) pero en versión orixinal subtitulada ao castelán.
Afundación