Skip to main content

Un obradoiro internacional trata en Vigo como conviven varias linguas no cerebro e os seus efectos

Co obxectivo de afondar en como conviven varias linguas no mesmo cerebro e nos efectos lingüísticos, cognitivos, neurolóxicos e sociais desa convivencia, 400 persoas participan hoxe e mañá no obradoiro internacional Avanzando na investigación sobre a alternancia de código (Advancing code-switching research), organizado polo grupo LVTC, con financiamento da Vicerreitoría de Investigación, o Consello Social, o Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá e o doutoramento en Estudos ingleses avanzados da UVigo.

“Estímase que no mundo se falan unhas 7000 linguas, e aínda así somos capaces de comunicarnos. Isto non sería posible se a mente humana non fose o suficientemente flexible para xestionar varias linguas ao mesmo tempo”, explican Parafita e Pérez-Guerra, que consideran que a falta de entendemento desta capacidade humana se debe “en boa medida a que os datos existentes proceden de metodoloxías e poboacións diferentes, non comparables. Ademais, a maioría dos estudos céntranse en comunidades occidentais nas que a alternancia de código está socialmente desfavorecida”. Unha situación que os investigadores da UVigo contrapoñen á que se produce en moitas comunidades multilingües, por exemplo en África occidental ou Centroamérica, onde o discurso multilingüe, que inclúe alternancia de código é a norma.

Persoas expertas e participantes internacionais para botar luz sobre a alternancia de código

Durante dous días, en sesións matinais con charlas sobre alternancia de código e multilingüismo e sesións vespertinas con debates sobre temas fundamentais na investigación sobre multilingüismo e cambio de código, o obradoiro que esta mañá comezou na biblioteca Juan Compañel de Vigo, reúne persoal investigador de diferente enfoques teóricos e metodolóxicos, que traballan en diversas comunidades multilingües, co obxectivo de vincular factores lingüísticos, cogntivos e sociais, coa finalidade de “axudarnos a entender mellor como os falantes multilingües se adaptan ás demandas comunicativas da alternancia de código”, explican os organizadores do obradoiro internacional.

Felix Ameka da Universidade de Leiden, Enoch Aboh da Universidade de Ámsterdam e Annie Beatty Martínez da Universidade de McGill, son algúns das e dos investigadores que Parafita e Pérez destacan na relación de poñentes incluídos no programa do obradoiro internacional, no que participarán, de xeito presencial e virtual, 400 persoas de diferentes partes do mundo como Gana, Brasil, India, Xapón, Canadá, Hungría e Noruega, entre outros.
Universidade de Vigo