Skip to main content

A USC publica 'ComPOPstela, música moderna en Santiago'

Como explicou na presentación a vicerreitora Pilar Murias, esta obra fai un “exhaustivo percorrido” pola historia, persoal e profesional, das orquestras, bandas e grupos musicais que, ao fío da cultura musical de América e Europa, tiña tamén o reflexo nun contexto social sometido a unha férrea ditadura que ollaba con desconfianza toda manifestación de modernidade. Pilar Murias lembrou igualmente a traxectoria acumulada pola colaboración entre a USC e o Consorcio e reflectida nunha trintena de libros que “conforman unha biblioteca da historia compostelá imprescindible e de obrigada referencia”.

Segundo Alfonso Espiño "ComPOPstela lémbranos que os ambientes universitarios santiagueses foron o pano de fondo dun temperán desenvolvemento da guitarra eléctrica (1953) á vez que o lugar onde deron os seus primeiros pasos musicais algúns dos compoñentes clave dos futuros Tamara, ou a probeta onde se xestou o primeiro supergrupo galego". Na obra, o seu autor apunta os máis variados aspectos que rodearon os conxuntos formados en Santiago nas décadas douradas da música pop e descobre outros singulares que conforman a máis recente historia musical.

Froito dunha longa investigación, o volume recolle milleiros de datos da música en Santiago durante un período de 24 anos. Así, o libro, indica o seu autor, "pode ser lido ben de maneira lúdica e desenfadada -gozando das moitas anécdotas e dos centos de imaxes que contén, inéditas na súa maioría- ou ben como unha obra de consulta, xa que a cantidade de datos que achega axudarán a poñer coto a vellos mitos e rumores que, esperemos, queden dunha vez enterrados".

Alfonso Espiño

Alfonso Espiño Louro (Santiago de Compostela, 1976), é doutor en Historia da Arte na especialidade de Música e licenciado en Filoloxía Inglesa. Ademais realizou o mestrado en Xestión cultural da USC. É un apaixonado da música e pertenceu a grupos como Contrastes, Mega Purple Sex Toy Kit ou Los Chavales e en 2016 comezou a súa andaina en solitario co nome de Espiño.
Universidade de Santiago de Compostela