Skip to main content

As entidades locais galegas 'aproban' en rendición de contas

Este documento sobre a rendición de contas das entidades locais galegas corresponde á nota número 21 do observatorio, elaborada por Alberto Vaquero, codirector de Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e enmárcase dentro das actividades da Cátedra do Bo Goberno Local da Universidade de Vigo. Segundo indican en nota de prensa desde a rede, as entidades locais de Galicia son das máis cumpridoras a nivel nacional, tanto na presentación das contas no prazo estipulado (75%) como fóra de prazo (96,9%). A situación contraria, apuntan, dáse nas entidades locais de Castilla-La Mancha, Andalucía e Castilla y León, con diferenciais de ata 40 puntos porcentuais no grao de cumprimento. A pesar do aprobado acadado pola maioría dos municipios, recóllese no documento, compróbase que certo número de concellos, mancomunidades e entidades locais menores en Galicia incumpren a necesidade de enviar a conta xeral ao Tribunal de Contas ou ao Consello de Contas de Galicia. “Este problema é especialmente importante para as mancomunidades de municipios, que recolle unha porcentaxe de incumprimento agregado do 42,1% e das entidades locais menores (55,6%)”, explican desde Rede Localis. Para os concellos, engaden desde a entidade, a porcentaxe é do 16,3%.

Por provincias, o documento recolle que os concellos máis cumpridores son os de Ourense e A Coruña, cunhas porcentaxes de incumprimento do 12,0% e 12,9%, mentres que os que máis incumpren son os de Lugo (19,4%) e sobre todo os de Pontevedra, onde case un de cada catro concellos non remitira a conta xeral de 2020 a data 9/11/2021. “As mancomunidades máis incumpridoras están na provincia da Coruña (54,5%) e as que menos na de Ourense (30,8%)”, afirman desde Rede Localis. Finalmente, engaden, cindo das oito entidades locais menores da provincia de Pontevedra non presentaran as contas de 2020.

Sancións por incumprimento

“O elevado grao de cumprimento dos concellos galegos parece responder, polo menos en parte, ao custo que lles supón ás entidades locais da nosa comunidade autónoma non cumprir. Galicia, xunto con outras comunidades autónomas, como Madrid, Canarias, Aragón, Comunitat Valenciana (que son precisamente as máis cumpridoras) teñen normativa autonómica que impiden o acceso a axudas e subvencións públicas se a entidade local non cumpre coa rendición de contas”, comentan desde Rede Localis. Con todo, sinalan, “poderíase ir máis aló en Galicia e valorar a posibilidade (tal e como sucede nas Islas Canarias) de reter aos entes incumpridores, polo menos, unha porcentaxe dos ingresos desde a Xunta de Galicia”. Isto, detállase no documento lanzado, afectaría á dotación do Fondo de Cooperación Local.

A nota do observatorio indica que os entes locais galegos que non renden, que como se sinalaron son minoría, fano por motivos da escaseza de medios técnicos e humanos. Sen ser un problema para o mundo local galego, segundo o informe da Rede Localis “é necesario ampliar as sancións por incumprimento, posto que a actual pinza, entre 60,1 e 905,52 euros, resulta unha cantidade manifestamente obsoleta”. Ademais, engaden, o Tribunal de Contas é da opinión de reducir a participación nos tributos do estado a aqueles concellos que non compren coas súas obrigacións. Por último, desde Rede Localis consideran necesario harmonizar os prazos de entrega de contas nas diferentes comunidades autónomas, ademais de acurtar os prazos, “posto que o 15 de outubro do ano seguinte ao do peche do exercicio resulta excesivamente xeneroso dados os medios informáticos cos que conta a administración local”. A proposta presentada polo Tribunal de Contas e os órganos de control externo das comunidades autónomas de finalizar o proceso o 30 de xuño, sinalan, “é realista e moito máis acorde coa capacidade da administración local de xestionar a información”.
Universidade de Vigo