Skip to main content

O espazo cultural da UDC, NORMAL, inaugura 'A Galicia deseñada', unha exposición sobre a historia do deseño galego

O espazo cultural da Universidade da Coruña, NORMAL (Campus de Riazor), acolle desde o venres 14 de outubro, a exposición 'A Galicia deseñada', unha proposta de viaxe pola historia do deseño galego elaborada a partir dunha selección de cen símbolos, marcas e identidades gráficas. A Galicia deseñada é o resultado dun proxecto de investigación que busca poñer en valor e dar a coñecer o deseño realizado en Galicia, ofrecendo un relato sobre a historia dende unha perspectiva contemporánea.

A exposición está organizada a través de cinco períodos históricos (antecedentes, industrialización, autarquía, democracia e contemporaneidade) e entre a selección de símbolos e marcas podemos atopar exemplos da idade media como as marcas dos pedreiros, ou mesmo anteriores, do S.XII, cando se ten o primeiro coñecemento do uso da vieira como emblema da peregrinación á Santiago de Compostela. Estes símbolos máis antigos, recollidos baixo a epígrafe “antecedentes” foi comisariada polo deseñador e divulgador Pepe Barro.

Máis adiante aparecen recollidas marcas asociadas ás primeiras experiencias industriais en Galicia, como é o caso das conserveiras Massó e ¡Miau! ou, tamén, de Augas de Mondariz e La Toja, que teñen a súa orixe na actividade termal e de lecer que tivo gran acollida nos finais do século XIX e comezos do século XX. Entre as marcas seleccionadas poden destacarse, así mesmo, as das cabeceiras de publicacións e revistas de vangarda que tiveron lugar nas primeiras décadas do século XX, como as coruñesas Luz e Alfar.

A mostra transita a continuación por varios exemplos de símbolos destacados que tiveron a súa orixe durante o período da ditadura e a autarquía, exemplificados nos casos recoñecidos de Barreiros ou de Sargadelos. No período da democracia, aparecen seleccionados logotipos de empresas relevantes que, coa chegada dun novo momento histórico e a necesidade de promover unha imaxe máis moderna e actualizada, actualizaron a súa imaxe con propostas radicais e innovadoras no seu momento, como é o caso da empresa tecnolóxica Televés, que conseguiu consolidar unha identidade moi recoñecible na sociedade grazas ás súas antenas parabólicas de cor laranxa. A mesma necesidade de renovación da súa imaxe afectou tamén ás institucións que, na altura, asumiron ambiciosos programas de renovación da súa comunicación visual, como pode ser o caso dos Concellos da Coruña e Santiago de Compostela ou, tamén, a Universidade da Coruña.

A mostra remata cunha selección dalgúns dos logotipos máis destacados realizados en Galicia nos últimos anos, na sección recollida baixo a epígrafe de “contemporaneidade” e que ten por data de inicio o 2006, ano de fundación da Asociación Galega de Deseño e á que se pode asociar a consolidación dun tecido extenso de profesionais do deseño en Galicia.

Na mostra están representados algúns dos artistas e deseñadores máis destacados da historia visual galega como son Castelao, Camilo Díaz Baliño, Álvaro Cebreiro, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo,… Tamén figuran moitas das deseñadoras e deseñadores máis destacados dos últimos 40 anos, como Pepe Barro, Xosé María Torné, Xose Díaz ou Alberte Permuy. Remata a mostra unha selección dalgúns dos profesionais do deseño máis destacados da actualidade como Uqui Permui ou Álvaro Valiño. O deseño expositivo da mostra foi desenvolvido polo estudio Cenlitrosmetrocadrado.

A Galicia deseñada ofrece a oportunidade, ademais, de observar pezas e obxectos de gráfica aplicada que non foron nunca antes expostos, e conta coa implicación e colaboración tanto de moitos coleccionistas privados como de institucións de prestixio como a Biblioteca de Galicia, a Fundación Barrié, a Real Academia Galega, a Fundación Penzol, o Museo do Pobo Galego e a Fundación Isla Couto, entre outras.

Comisarios:
Marcos Dopico Castro
Cibrán Rico López
Suso Vázquez Gómez

Comisario “Antecedentes”:
Pepe Barro

Deseño gráfico:
desescribir
Marcos Dopico

Deseño expositivo:
Cenlitrosmetrocadrado


Marcos Dopico Castro

Marcos Dopico Castro é licenciado en Belas Artes e doutor en deseño pola Universidade de Vigo. Profesor Doutor e investigador en deseño na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, foi director da Área de Imaxe Corporativa na Universidade de Vigo (2011-2015). É socio da Asociación Galega de Deseñadores desde a súa fundación. Ten publicado dous libros sobre deseño: Propuestas para un diseño “normal”, Ellago Diseño (2009) e Arqueología tipográfica: La evolución de los caracteres de palo seco, Campgràfic (2011)

desescribir

Cibrán Rico López e Suso Vázquez Gómez son licenciados en arquitectura superior pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC. Socios fundadores do estudio desescribir, os seus traballos foron recoñecidos nos Premios Laus do ADG–FAD, nos premios D&AD Awards de Londres, no Tokyo Type Directors Club de Xapón ou nos Premio Paraugas ao mellor deseño gráfico galego. No ano 2012 crearon a editorial Fabulatorio. O libro Ostalgia publicado por Fabulatorio foi recoñecido co premio PhotoEspaña ao mellor libro de fotografía nacional do ano 2014. O traballo de desescribir formou parte de exposicións no CGAC ou no Museo Reina Sofía. Foron profesores de deseño editorial no Máster de dirección de arte publicitaria da Universidade de Vigo e no Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Son socios da Asociación Galega de Deseño (DAG) e do ADG-FAD. Desescribir foi recoñecido co II Premio Galicia de Innovación e Deseño convocado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Pepe Barro

Figura chave no deseño galego, Pepe Barro é un dos responsables da profesionalización do oficio de deseñador gráfico en Galicia. Co Grupo Revisión, do que foi socio fundador, remozou e modernizou o patrimonio visual de Galicia dende finais dos anos 70. No ano 2000, o Museo Reina Sofía elixiu a identidade de Turgalicia coma un dos cen logotipos máis relevantes do Estado no século XX, formando parte da exposición “Signos del Siglo: 100 años de Diseño Gráfico en España”. É un estudoso do patrimonio visual galego, divulgando o seu coñecemento en redes sociais, charlas e nunha columna adicada a dito eido no diario Sermos. É autor do libro sobre a historia do deseño galego Mais que ver, editado por Edicións Xerais. Foi xurado dos Premios LAUS do ADG-FAD e é membro da Asociación Galega de Deseño (DAG).

Cenlitrosmetrocadrado

Cenlitrosmetrocadrado é un estudio de deseño e comunicación composto por Ricardo Tubío e Xabier Rilo, deseñadores. Constitúese coa intención de ofrecer un deseño de clara orientación humanista, que vaia máis aló da simple función práctica e que aborde tamén funcións de carácter emocional e social. Cunha identidade de marcado carácter atlántico desenvolve proxectos que van desde o deseño de produto, a gráfica ou a embalaxe ata o deseño de espazos permanentes ou efémeros. O estudio foi recoñecido co I Premio de Innovación e Deseño de Galicia convocado pola Xunta de Galicia a través da Axencia de Innovación (GAIN).
Universidade da Coruña (UDC)