Skip to main content

O 15% dos adolescentes presenta síntomas graves ou moderadamente graves de depresión

O estudo está coordinado polo profesor da Facultade de Psicoloxía, Antonio Rial Boubeta.

“É significativo observar as diferenzas e brechas entre os distintos grupos de adolescentes enquisados, o que nos permite unha aproximación a factores sociais que inciden no benestar emocional da adolescencia”, apunta o estudo que foi difundido esta semana co gallo do Día Mundial da Saúde Mental. Centrándose en quen presenta síntomas graves ou moderadamente graves de depresión, o estudo amosa que é superior no caso das mozas (21,8%) que no dos mozos (7,7%); e o dato multiplícase por tres no caso daquelas persoas que non se identifican nin como mozos nin como mozas, alcanzado o 46,5%.

No caso da idade, os síntomas de depresión increméntanse entre os máis maiores (18,7% no rango de 16-18 anos fronte ao 12,6% no de 11-13 anos). En función da orientación sexual, tamén hai brechas significativas: no caso de quen se identifica como totalmente heterosexuais, está cinco puntos por baixo da media (sendo do 9,8%) e no caso de quen se identifica con orientacións sexuais non heterosexuais multiplícase case por 3 a taxa media (44,6% no caso de bisexuais, 39,7% no caso de homosexuais).

Así mesmo, cabe destacar que os mozos e mozas que viven en centros de protección duplican a media con respecto a síntomas de depresión graves ou moderadamente graves, sendo no seu caso do 32%.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)