Skip to main content

A escritora Inma Chacón intervirá no II Foro Pensando en Educación da Coruña o vindeiro 25 de outubro

Nela falará sobre a súa experiencia como escritora e profesora e as sinerxías establecidas entre ambas as dúas actividades. A súa faceta como docente de Documentación serviulle “para comprender que a base documental é imprescindible para a verosimilitude da ficción” e a súa actividade como escritora “axudoume a ensinar aos meus alumnos, desde a práctica, como tratar un proxecto comunicativo fiable”.

Inma Chacón Gutiérrez é doutora en Ciencias da Información e licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Foi decana da Facultade de Comunicación e Humanidades da Universidade Europea, onde fundou e dirixiu a revista científica Binaria. É columnista de El Periódico Extremadura desde fins de 2005 e colabora con diversos medios.

A súa primeira novela foi La princesa india, á que seguiron Las filipinianas, Tiempo de arena (finalista do Premio Planeta en 2011), Mientras pueda pensarte e Tierra sin hombres, grandes éxitos de vendas e crítica. Tamén publicou a colección de relatos Voces. Antología personal e os poemarios Alas, Urdimbres, Antología de la herida e Arcanos. No campo da dramaturxia, é autora de varias obras, entre as que destacan La Baltasara e Las Cervantas, escrita xunto con José Ramón Fernández por encargo da Biblioteca Nacional. Tamén colaborou en numerosos libros colectivos de poemas e de relatos. Los silencios de Hugo, a súa sétima novela, é unha homenaxe á súa terra, Extremadura.
Universidade da Coruña (UDC)