Skip to main content

Compostela convértese en capital da Xeografía ao acoller a xuntanza da Unión Xeográfica Internacional

O motivo desta visita é realizar unha reunión, das tres que se celebran cada ano nun lugar do mundo, para tratar os asuntos de actualidade da entidade. Cómpre indicar que a directiva deste organismo non se reunía en España dende 1986, en Barcelona.

A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, presidiu a reunión do comité. Murias iniciou a súa intervención deixando patente que “é unha honra para a Universidade ser elixida como o lugar para acoller esta reunión”. Xunto a ela, interviñeron o propio Rubén Lois; e o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, Alberto Díez de Castro. O acto tamén contou coa participación da vicepresidenta da Unión Xeográfica Internacional, integrante da directiva do Consello Científico Internacional (ISCUNESCO) e profesora da Università degli Studi di Napoli Federico II, Maria Paradiso; e do presidente da Unión Xeográfica Internacional e profesor da University of Cape Town (Sudáfrica) e Nanjing-Jiangsu University (China), Michael Meadows.

Entidade histórica

Esta asociación fundouse en 1922, ano no que España se adheriu á entidade a través dunha Orde de Alfonso XIII. O catedrático da USC Rubén Camilo Lois González, director do departamento de Xeografía e coordinador do grupo de Análise Territorial ANTE (GI-1871), foi reelixido na primavera de 2022 como vicepresidente da Unión.

A Unión Xeográfica Internacional é a organización mundial da Xeografía, que forma parte do consello científico internacional da UNESCO como a máis autorizada representación académica da disciplina. A Unión tamén forma parte de CODATA, a organización internacional para o homoxeneización de datos xeoespaciais; as GeoUnions, organismo asesor da ONU para o coñecemento e a prevención de problemas do planeta Terra; o Consello Internacional de Filosofía e Ciencias Humanas; e a organización mundial da ONU para a preservación dos Océanos.

A Unión fundouse hai 100 anos en Bruxelas, aínda que a súa orixe pode remontarse a 1871 cando a cidade de Amberes acolleu o I Congreso Xeográfico Internacional. Dende 1945, a Unión é unha organización científica e académica que conta con 110 estados-nación adheridos dos cinco continentes. Celebra congresos internacionais que reúnen a milleiros de asistentes.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)