Skip to main content

A economía social dá emprego en Galicia a máis de 15.000 persoas a través de 1.769 empresas

No caso galego, tal e como establece o documento, a cifra de negocio que move e economía social ascende a 2.570 millóns de euros. A fórmula xurídica máis numerosa é a das sociedades cooperativas, que en Galicia son 1.161, seguida das sociedades laborais (467) e os centros especiais de emprego (141).

No conxunto do Estado, a economía social abrangue un total de 47.511 empresas e 37.183 entidades sen fins de lucro de acción social e fundacións. Todas elas empregan a 1,35 millóns de persoas. O emprego da economía social en España representa o 6,75% da ocupación total; o 8% das persoas asalariadas e o 9,91% das persoas asalariadas do sector privado. Así mesmo, segundo os datos achegados na presentación, o importe neto da cifra de negocio de toda a economía social española equivale ao 8,47% do PIB.

O reitor da USC, Antonio López, presidiu o acto de presentación do informe que se desenvolveu na Sede da Fundación Laboral da Construción en Galicia. Xunto a el, interviñeron Covadonga Toca, secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social; Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela; Juan Manuel Sánchez Terán, subdirector xeral de Economía Social e da RSE, do Ministerio de Traballo e Economía Social; Xoán Doldán, decano de la Facultad de Ciencias Económicas e Empresariais; Celso Gándara, presidente de Foroesgal (en representación da Confederación Empresarial Española de Economía Social); Maite Cancelo, directora do CECOOP, e Adoración Mozas, presidenta de CIRIEC-España.

O informe sobre ‘A Economía Social en España en cifras’ foi dirixido polos profesores Rafael Chaves, José Luis Monzón e José Galán, que coordinaron un grupo de máis de 40 persoas expertas de institutos e centros de investigación en economía social de 16 universidades, incluída a USC.

A economía social está delimitada en España pola Lei 5/2011, do 29 de marzo, de Economía Social. No seu sector de mercado ou empresarial inclúe as sociedades cooperativas, as mutualidades, as sociedades laborais, as empresas de inserción, os centros especiais de emprego, as confrarías de pescadores e as sociedades agrarias de transformación. No seu sector non de mercado ou asociativo agrupa as entidades sen fins de lucro de acción social (fundamentalmente asociacións e ONG), as fundacións e tres entidades singulares: Cáritas, Cruz Vermella e a ONCE.

Portal Estatístico CIRIECSTAT

O acto tamén serviu de marco para a presentación do Portal Estatístico CIRIECSTAT, a cargo de José Luis Monzón e Ángel Soler, presidente e director, respectivamente, do CIRIECSTAT. Segundo explicaron, o lanzamento do CIRIECSTAT responde a unha das demandas do Plan de Acción Europeo da Economía Social, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2021, e que establece como un dos seus obxectivos chave aumentar a visibilidade da economía social mediante a recompilación de datos e estatísticas axeitadas.

Neste contexto, CIRIECSTAT é un proxecto que nace este ano e que vai ir medrando co paso do tempo para, en palabras do profesor Monzón “implantar un sistema de recompilación e produción de estatísticas da economía social que agrupe, depure e publique nun portal único, de forma permanente e continuada, e con criterios metodolóxicos da contabilidade estatal, homoxéneos e comparables, as diferentes estatísticas da economía Social en España”.

CIRIEC-España organizou esta presentación en Santiago de Compostela, no marco da súa capitalidade española da Economía Social 2022, e da man do CECOOP, que este ano cumpre 20 anos, aniversario que celebrará este venres, 21 de outubro, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, onde ten a súa sede, a través dun acto que dará comezo ás 11.00 horas.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)