Skip to main content

Un encontro afonda nos nexos entre dereito e a literatura

A actividade, aberta ás persoas interesadas, estivo dirixida polo propio Pablo Raúl Bonorino e por José María Pérez Collados (catedrático de Historia do Dereito da Universidad de Girona) e foi artellada para contribuír a crear “unha asociación a nivel nacional que xunte a todas as persoas interesadas neste tema da literatura e o dereito”. “Pretendemos reforzar a relevancia deste tipo de enfoque que algúns xuristas poden ver con reticencia”, comentou Pablo Raúl Bonorino. A literatura ou por exemplo o cine, explicou o catedrático da UVigo, poden ser tamén “formas de estudar, de discutir e de pensar moi útiles” para a práctica e a docencia do dereito.

De Shakespeare a Wagner

Con este obxectivo, o encontro reuniu a persoas cunha ampla traxectoria académica e institucional que, indicou Bonorino, “recoñecen a importancia que ten, incluso nas súas vidas, o feito de pensar o dereito a través da literatura”. Tal e como se puido ver nos relatorios escoitados, sinalou o docente, son múltiples as posibles conexións entre dereito e literatura. Para algunhas persoas, lembrou o director académico da actividade, a literatura pode ser provedora de exemplos "ricos e interesantes" para aplicar o dereito e ensinar como se aplica. Ademais, engadiu, pode ser fonte para coñecer a práctica xurídica dun pasado do que só se conservan documentos escritos. Por último tamén apuntou que para outras persoas a teoría literaria pode enriquecer a teoría do dereito, no senso de que as tarefas de interpretación do dereito poden entenderse mellor se se comparan coas tarefas que se levan a cabo cando se interpretan obras literarias.

No encontro, Pablo Raúl Bonorno falou de Shakespeare e o dereito; Encarna Roca (Universitat de Barcelona, ex-vicepresidenta doTribunal Constitucional), de O dereito na tetraloxía de Wagner: o traballo, a familia e os pactos; Alfonso García (catedrático de Filosofía do Dereito da Universidad de Castilla-La Mancha), de vetos e licencias á ficción no discurso normativo; José Antonio Cordón (Universidad de Salamanca) de Ler como un profesor: da proximidade á lectura distante; Francisco Pérez de los Cobos da interacción entre dereito e literatura e José María Pérez Collados do xénero da novela (definición) e as súas posibles funcións xurídicas.
Universidade de Vigo (UVigo)