Skip to main content

Nace 'Cumieira das Letras', unha publicación disposta a enriquecer a lingua, literatura e cultura galegas

A nova publicación presentouse este xoves ao público na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde tamén se levou a cabo a presentación do libro Querida Liberdade, dedicado á memoria de Antolín Faraldo e escrito polo filólogo e egresado da Universidade de Vigo Xurxo Martínez González.

A nova revista vén a cubrir o baleiro que deixou a desaparición de publicacións como o Boletín Galego de Literatura ou o Anuario Galego de Literatura. “Xa non tiñamos revistas monográficas onde se publiquen investigacións e análises da nosa literatura”, explicou o profesor Xosé Henrique Costas, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, na presentación da nova publicación. Ao seu carón compartiron mesa e ideas o director e a secretaria da revista, a profesora Ana Acuña, e o decano da facultade, José Montero. Todos coincidiron en subliñar o “esforzo e ilusión” dos integrantes deste departamento nun proxecto ao que se refiren como “aberto á cidadanía”.

“Esta nova revista é posible grazas á axuda de moitas persoas e institucións e á confluencia de moitas sinerxías”, explicou Rodríguez Guerra, quen fixo fincapé en que “non se pode falar dunha única causa, senón dunha confluencia multifactorial”. Fixo referencia neste sentido, ao importante papel da irmá xemelga desta publicación, Cumieira. Cadernos de investigación da Nova Filoloxía Galega, un proxecto que xa leva sete anos de camiño, no que se recollen os traballos da xente máis nova “e que nos fixo ser conscientes da necesidade de canalizar a produción de investigadores non tan novos”.

Un número simbólico dedicado a Cunqueiro

A edición de lanzamento de Cumieira das Letras é un número simbólico, un monográfico que xira arredor de Álvaro Cunqueiro, “un referente local e universal; simbólico para a Universidade de Vigo e para o noso Departamento de Filoloxía Galega e Latina”, explica Rodríguez Guerra. A encargada de explicar os contidos deste primeiro número foi a secretaria da revista Ana Acuña, quen explicou que neste número colaboran moitos especialistas en Cunqueiro (Iago Castro Buerger, Xosé-Henrique Costas, Manuel Forcadela, Xesús González Gómez, Miguel González Somovilla, Marta Mariño Mexuto, Xosé Luís Méndez Ferrín, César Morán, Armando Requeixo ou Rexina Rodríguez Vega) e fano dende múltiples perspectivas: obra poética e xornalística, alofonía e tradución poética, temáticas coma a mitoloxía e as viaxes, así como a repercusión de Cunqueiro e todo o cunqueiriano na literatura galega e non só. “Ao longo de dous centos de páxinas, ademais das recensións de Patricia Arias Chachero e de Moncho Iglesias Míguez, debúllanse, analízanse e investíganse múltiples aspectos relacionados con Álvaro Cunqueiro e a súa obra”, explicou Acuña, quen tamén lembrou que. neste primeiro número “refulxe e fala, directamente, Cunqueiro: alén doutros, edítanse, por primeira vez, os versos incluídos nun caderno manuscrito de 1928, un poeta adolescente que nun deles confiou ‘eu sinto agora cousas que antes non sentía’”.

Dirixida, tal e como explican o seu director e secretaria, a “calquera amador das nosas letras”, “a quen as estuda, ensina e investiga con independencia do nivel en que o faga”, Cumeira das Letras nace con dobre formato: en papel e versión electrónica, accesible dende a web do departamento. Con perioricidade anual, desde o departamento pensan xa no segundo número da revista, “que xa está en camiño”.

Querida Liberdade, na memoria de Antolín Faraldo

Se estes días a Universidade de Vigo está a celebrar o centenario do nacemento do Nobel José Saramago, desde a Facultade de Filoloxía e Tradución rendeuse tamén este xoves unha sentida homenaxe a outro destacado persoeiro do que este ano se celebra o 200 aniversario do seu nacemento. Falamos de Antolín Faraldo (Betanzos, 1822- Granada,1853), considerado o pai do movemento provincialista galego da primeira metade do século XIX, “el primero y el mejor”, en palabras de Manuel Murguía. Fíxose coa presentación do libro Querida Liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento. Antolín Faraldo, unha obra escrita por Xurxo Martínez González, licenciado e doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e que actualmente traballa como técnico de Normalización Lingüística no Concello de Redondela.

Editado por Alvarellos e a Deputación da Coruña, o libro contén, por unha banda, un amplo estudo introdutorio que mergulla ao lector na época de Faraldo, estruturado en breves epígrafes e cunha clara vontade didáctica e divulgativa. De seguido, o autor introduce unha completa antoloxía con 45 artigos escritos por Faraldo. Tal e como se explicou durante a presentación, Faraldo simboliza, ante todo, a voz dunha xeración, a dos Provincialistas, que iniciaron o vieiro cara ao autogoberno. “Foi alma e mente da Revolución de 1846, a que concluíu traxicamente co fusilamento dos hoxe coñecidos como Mártires de Carral”. Entre outros aspectos, lembrouse, que el puxo sobre a mesa, contra a metade do século XIX, debates enormemente actuais: o feminismo, o suicidio, a separación da Igrexa-Estado, a conformación histórica da identidade, a idea de nación, a liberdade de opinión ou o vangardismo literario.

Con este libro Xurxo Martínez suma un novo estudo a unha carreira investigadora-literaria que iniciou cunha tese de doutoramento centrada no xornal vigués La Oliva (1856-1857), investigación con premio extraordinario de doutoramento da Universidade de Vigo dirixida polo profesor Gonzalo Navaza, que foi este xoves o encargado de presentalo. Como investigador destacan tamén as súas achegas sobre a época do Rexurdimento, o primeiro provincialismo e a prensa decimonónica (en particular a da cidade de Vigo). Ten tamén varias publicacións en forma de libros ou artigos sobre diferentes persoeiros da historia social e literaria galegas, como Rosalía de Castro, Aurelio Aguirre, os irmán Chao, Ramón Villar Ponte, Leiras Pulpeiro, Moncho Reboiras e agora tamén sobre Antolín Faraldo.
Universidade de Vigo (UVigo)