Skip to main content

Asuntos Sociais colabora con Aspanas na posta en marcha dun servizo municipal de recollida selectiva

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, asinou un protocolo de colaboración co Concello ourensán e coa Asociación de pais a favor das persoas con atraso mental de Ourense (ASPANAS) para a posta en marcha da segunda fase do servicio porta a porta de recollida selectiva de vidro, papel e cartón de orixe comercial.

A Administración autonómica financiará a contratación municipal do servicio mediante o programa de subvencións a entidades locais. A recollida realizarase seis días á semana durante todo o ano por personal do centro especial de emprego de ASPANAS, Amencer Reciclado. En total, serán 27 as persoas que traballarán neste proxecto no que a Consellería colaborará subvencionando a creación de 19 destes novos postos de traballo.

A titular de Emprego puido comprobar de primeira man o funcionamento da maquinaria de Amencer Reciclado durante a demostración que realizaron os traballadores na Praza Maior de Ourense. Os responsables do centro trasladaron ata alí o equipamento de recollida, composto por dúas furgonetas e dous camións e o equipamento de manipulado e selección de papel e cartón.

Na súa intervención, Belén Prado sinalou que os centros especiais de emprego constitúen unha fórmula eficaz para que as persoas con discapacidades máis severas poidan desempeñar un traballo. Así mesmo, a conselleira afirmou que esta colaboración con ASPANAS é a unha boa mostra do compromiso do Goberno galego para facer realidade os obxectivos establecidos no Plan galego de emprego e formación das persoas con discapacidade, entre os que está o de acadar un maior nivel de integración laboral deste colectivo.

FORMACIÓN

Trala sinatura do acordo, a conselleira entregou os diplomas aos 14 alumnos do curso de carpinteiría. Esta acción formativa, enmarcada no Plan FIP, contou cunha achega do departamento autonómico de 60.412 euros. A responsable de Emprego destacou as vantaxes da formación para as persoas con discapacidade, que constitúe un bo mecanismo de socialización permitindo o desenvolvemento integral do individuo e fomentando a súa inclusión social.

ASPANAS é un centro colaborador de formación profesional ocupacional, homologado para impartir especialidades do Plan FIP (Formación e Inserción Profesional). A asociación naceu co obxectivo de promover actividades susceptibles de ser realizadas por persoas con discapacidade e baixa cualificación profesional, promovendo así a súa inserción sociolaboral.

Finalmente, a conselleira inaugurou un centro asociado ao Servizo Galego de Colocación nas instalacións de ASPANAS en Ourense. En total, o departamento autonómico achegará este ano 163.539 euros a FADEMGA (entidade na que está integrada ASPANAS) para o financiamento de 6 orientadores laborais, dos que un traballará no centro de Ourense.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia