Skip to main content

Un ciclo de coloquios afonda en como a innovación 'revolucionou' oficios como os de cesteiro ou zoqueiro

Este ciclo que a Vicerreitoría do campus promove co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo contará coa participación da cesteira e creadora téxtil Idoia Cuesta, recoñecida en 2014 co Premio Nacional de Artesanía; da zoqueira Elena Ferro, que acadou esta distinción en 2019, e do construtor de gaitas Xosé Luis Latas.

Nas tres sesións deste ciclo, que se desenvolverá os días 7, 14 e 28 de novembro na Casa das Campás entre as 17.00 e as 20.00 horas, combinarase o coloquio cunha exhibición dos seus produtos e procesos de traballo. Como explica o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres, cada sesión centrarase en primeiro termo en coñecer o labor destas artesás e artesán e en abordar “como o seu traballo pasou de ser un oficio tradicional ao que é agora a través da innovación e do deseño”, para logo achegarse aos seus procesos de traballo a través de dunha mostra das ferramentas que empregan e dalgunha das súas pezas. “Trátase dunha actividade que nos parece moi interesante/e con capacidade para que poidamos repetila nos seguintes anos”, sinala Torres, que incide na “formación transversal que achega ao noso alumnado” esta iniciativa.

Tres sesións ao longo do mes

Aberto ao público ata a completar a capacidade da sala, o ciclo arranca o vindeiro luns con Idoia Cuesta, quen define o seu traballo como unha “fusión da cestaría co téxtil a través da combinación de materiais orgánicos con diferentes técnicas artesanais”. Con máis de dúas décadas de traxectoria como artesá, o seu labor de investigación e experimentación partindo das técnicas tradicionais da cestaría acumula recoñecementos como o Premio Nacional de Artesanía na categoría de produto, que acadou en 2014. Ademais, Cuesta colabora desde hai máis dunha década no desenvolvemento de prototipos para Loewe e ten traballado tamén con firmas como Adolfo Domínguez ou Zara Home.

Á semana seguinte, o luns 14, o ciclo centrarase na elaboración de zocos tradicionais da man de Elena Ferro, terceira xeración dunha familia de zoqueiros de Vila de Cruces, que foi quen, coa súa marca EFerro, de reinventar un tipo de calzado asociado ao rural e ao traballo no campo. Os seus innovadores deseños fixérona merecedora e recoñecementos como o Premio Nacional de Artesanía en 2019 ou o premio Antonio Fraguas, á vez que a elaborar as zocas e pandeiretas coas que as Tanxugueiras concorreron recentemente á final do Benidorm Fest.

O ciclo pecharase o 28 de novembro con Xosé Luis Latas Vilanova, máis coñecido como Lis Latas, representante dunha nova xeración de artesáns que utilizan técnicas tradicionais para a construción de gaitas. Músico e profesor de baile, ademais de luthier, tras anos de investigación, Latas conseguiu xunto co gaiteiro Pepe Vaamonde perfeccionar as súas técnicas de construción deste instrumento, convertendo o obradoiro de construción de gaitas, que impulsou en 1999, nun dos referentes neste mercado. Finalista dos Premios Nacionais de Artesanía e gañador do premio Artesanía de Galicia, Latas é tamén fundador e membro do grupo Reviravolta.
Universidade de Vigo (UVigo)