Skip to main content

Conferencia de Julián Salas, 'Construíndo con recursos escasos. Contra a fame de vivenda en África'

Salas, que foi un visitante frecuente de Escola de Arquitectura da Coruña vén esta vez para presentar o resultado de décadas de traballo profesional, xa no ámbito da investigación, da sensibilización e da docencia, fundando espazos inéditos en España dedicados a buscar solucións para esa pandemia silente que el bautizou como “fame de vivenda”. No evento, aberto a todas as persoas interesadas, Julián Salas presentará tamén a súa última obra, do mesmo título que a conferencia.

Julián Salas

Doutor Enxeñeiro Industrial, pola Universidade Politécnica de Cataluña, Diplomado en “Construción Industrializada” no CSTB de París, Investigador do CSIC, no Instituto Eduardo Torroja de Madrid.

De 1987 a 1994 coordinou o Programa CYTED V Centenario: “Tecnoloxías para vivendas de interese social en Latinoamérica”, coa participación de 112 grupos de 17 países, que foi, segundo a CEPAL: “o maior esforzo de investigación-acción realizado en materia de hábitat popular en América Latina e o Caribe”.

En 1996 creou o ICHaB na ETS de Arquitectura de Madrid e en 2004 a Cátedra UNESCO en “Habitabilidade Básica”, na que dirixiu os Cursos de Especialización en “Cooperación para o Desenvolvemento en Asentamentos Humanos no Terceiro Mundo”, dos que se realizaron XXI edicións nos que se diplomaron máis de seiscentos profesionais de 23 países.

Entre 2005 e 2019 ocupouse in situ da dirección de Proxectos de cooperación de construción en Mauritania, Mozambique, Senegal, Angola, Namibia...

Foi proposto polo Consello Xeral dos Colexios de Arquitectos de España á “Lista de Honra de Nacións Unidas para o Hábitat”, “pola súa constante dedicación ao impulso dos asentamentos humanos no Terceiro Mundo, tanto en países africanos como iberoamericanos”.
Universidade da Coruña