Skip to main content

Xustiza investirá preto de 700.000 euros na construcción do novo edificio xudicial de Negreira

O conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, Xesús Palmou, acompañado do alcalde de Negreira, José Blanco, e do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Jesús Souto, presentou o proxecto de obra do novo edificio xudicial da localidade no que a Consellería ten previsto investir 689.662 euros. A este novo inmoble, incluido na última fase do Plan de Infraestructuras Xudiciais da Comunidade Autónoma, trasladaranse o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción da vila que actualmente se ubica nos baixos da casa consistorial, o que permitirá, ademais de dispor dunhas instalcións axeitadas para o desenvolvemento da actividade xudicial na vila, recuperar dependencias na casa consitorial para uso municipal.

O novo edificio xudicial de Negreira, proxectado polos arquitectos Gustavo Díaz García e Luis Díaz Sierra, constará de planta baixa, dúas plantas máis e casetón de cuberta, sendo a superficie total útil de máis de 837 metros cadrados. O edificio organizarase arredor dun patio central que recibe luz central e concentra as circulacións tanto horizontais como verticais.

A planta baixa, de 287 metros cadrados de superficie útil, albergará os espacios máis públicos e os necesitados de acceso directo desde o exterior. Así, nesta planta atoparemos salas destinadas a avogados e procuradores, vestíbulo, rexistro civil e oficina de notificacións, aseos ascensores e arquivos, consulta de forense, e dúas celdas para detidos.

Pola súa banda, a planta primeira, de 252 metros cadrados de superficie útil, albergará, fundamentalmente, a sala de vistas coa súa zona de espera, dous cuartos para testemuñas, un para detidos e outro para usos varios. As escaleiras, os ascensores, os aseos e os arquivos completan o programa previsto para esta planta.

Na planta segunda, de 275 metros cadrados de superficie útil, situarase a oficina xudicial, dividida en seccións de civil e penal, e os despachos de xuíz e secretario, así como o despacho do fiscal, a sala de declaracións e zonas de arquivos para ambas seccións. O casetón sobre cuberta permitirá aloxar a sala de caldeira.

PLAN DE INFRAESTRUCTURAS XUDICIAIS

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local investíu máis de 45 millóns de euros en diversas actuacións en 36 sedes xudiciais galegas, desde o momento que a Comunidade Autónoma asumíu as competencias nesta materia. Dentro dos orzamentos previstos para o ano 2005 a Consellería ten previsto destinar máis de 5,7 millóns de euros á mellora da infraestructura xudicial galega. Así, con estes orzamentos está previsto construir, ademais da sede xudicial de Negreira, as de Lalín, Bande e Muros e rematar a rehabilitación do edificio da Audiencia Provincial de Lugo e a rehabilitación do edificio dos xulgados de A Fonsagrada, dando así por completado o Plan de Infraestructuras Xudiciais.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia