Skip to main content

A UDC organiza un congreso internacional sobre intelixencia artificial na xustiza

No congreso participarán expertos de España, Portugal, Francia, Brasil e Chile. O decano da Facultade, Xulio Ferreiro, abrirá o evento xunto coas organizadoras do mesmo, para dar paso á conferencia inaugural de Antonio Andrés Pueyo, da Universidade de Barcelona “Diferencia entre instrumentos actuariais e instrumentos baseados en Intelixencia Artificial”. A profesora Patricia Faraldo moderará o debate. Faraldo é catedrática de Dereito penal na Universidade da Coruña e adjunct professor na Queensland University of Technology de Brisbane, Australia. Preside a área de Dereito na Agencia Estatal de Investigación e é membro permanente da Comisión de Codificación, sección penal. Coordina o grupo de investigación Ecrim.

O programa pode consultarse en https://bit.ly/3DR00ex

ECRIM

O grupo de investigación Criminoloxía, Psicoloxía xurídica e Xustiza penal no século XXI, Ecrim, ten a súa sede nas Facultades de Dereito e Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Se ben inicialmente estaba formado polos membros do equipo de Dereito penal da UDC, a partir de 2013 experimentou unha importante ampliación, formando un novo grupo con persoal das áreas de Dereito procesual, romano e financeiro e tributario, e Psicoloxía xurídica da mesma universidade. No momento presente a coordinadora do grupo é Patricia Faraldo Cabana.

O Ecrim está formado por uns trinta membros, cunha media de idade en torno aos 40 anos, e cunha composición relativamente equilibrada en canto a xénero. Aínda que o grupo está formado sobre todo por persoal docente e investigador da Universidade da Coruña, varios membros pertencen a outras universidades españolas (Universidade de Cádiz, Universidade das Illas Baleares). Xunto a iso, algúns dos membros desenvolven a súa principal actividade no eido das profesións xurídicas, como xuíces, fiscais, avogados e asesores gobernativos, tanto en España como no estranxeiro (Unión Europea, Arxentina). A ampla maioría de membros do Ecrim son doutores, sexa en Dereito ou en Psicoloxía.

As liñas de traballo que desenvolve o ECRIM son moi variadas, sempre dentro do campo das ciencias penais e criminolóxicas. O grupo ten unha longa tradición de estudo do Dereito penal económico e da empresa. Non obstante, tamén desenvolve un intenso traballo nos eidos das relacións entre os procesos da globalización e o sistema penal, do Dereito penal internacional, da análise do Dereito e o sistema penais desde unha perspectiva de xénero, da multa e as alternativas á prisión e das reformas legais máis recentes en materia penal e financeira. Xunto a iso, diversos membros do grupo téñense ocupado do estudo das políticas penais e, máis en concreto, da relación entre migracións e sistema penal.
Universidade da Coruña