Skip to main content

O ex director do CERN Rolf Heuer conmemora na USC o X aniversario do descubrimento do bosón de Higgs

Heuer imparte esta charla divulgativa logo de ser recibido no Colexio San Xerome, polo reitor da USC, Antonio López; polo vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri; e polo director do Instituto de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Carlos Salgado. A Nerd Nite, que tamén chega ao seu décimo aniversario, desenvólvese en A Nave de Vidán, a partir das 20.30 horas. Heuer pronuncia un segundo relatorio este xoves 24, ás 20.00 horas, no auditorio Abanca, no marco da Semana da Ciencia do IGFAE.

Ademais de Rolf Heuer, interveñen na Nerd Nite o profesor da USC e investigador do IGFAE, José Edelstein, e Pier Paolo Giardino, investigador distinguido do IGFAE. ‘O segredo está na masa’ é o título da intervención do profesor Edelstein; mentres que Giardino disertará sobre ‘O bosón de Higgs, unha luz na escuridade’. As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo. O coordinador das Nerd Nites é o catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira Pérez.

Semana da Ciencia

Rolf Heuer é protagonista tamén da Semana da Ciencia do IGFAE. Nesta quinta edición, o físico alemán imparte unha charla de divulgación sobre o bosón de Higgs, a partícula que supuxo un fito na historia da ciencia e acaparou a atención de todos os medios de comunicación e a sociedade hai agora unha década. Titulada ‘Celebrando 10 anos do bosón de Higgs: explorando o universo temperán no CERN’, a entrada é de balde previa reserva de invitación nesta ligazón, ata completar capacidade. Haberá tradución simultánea do inglés ao castelán.

Unha traxectoria dedicada aos aceleradores de partículas

Rolf-Dieter Heuer (Göppingen, Alemaña, 1948) estudou física na Universidade de Stuttgart e doutorouse na Universidade de Heidelberg. De 1978 a 1983, foi físico investigador na Universidade de Heidelberg, traballando no anel de almacenamento de electróns-positróns PETRA como membro da colaboración JADE. De 1984 a 1998, foi membro do CERN, traballando para a colaboración OPAL no Gran Colisionador de Electróns e Positróns (LEP). Dende 1994, foi o voceiro da colaboración.

Parte da súa carreira estivo relacionada coa construción e o funcionamento de grandes sistemas de detectores de partículas para estudar colisións electrón-positrón. Ao deixar o CERN en 1998, asumiu unha cátedra na Universidade de Hamburgo, onde estableceu un grupo que traballa na preparación de experimentos nun posible futuro colisionador lineal de electróns e positróns. Ao asumir o seu nomeamento como director de investigación de física de partículas e astropartículas no DESY en 2004, Heuer foi responsable da investigación no acelerador HERA, a participación do DESY no LHC e a I+D para un futuro colisionador de electróns e positróns. En 2009 substituíu a Robert Aymar como director xeral do CERN e en 2015 Fabiola Gianotti pasou a ser a directora ata a actualidade.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)