Skip to main content

Ponse en marcha o proceso para a creación do novo Centro de Investigación en Industria Intelixente en Ferrol

Á firma do acordo asistiu a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Domingo Calvo, e a Subdirectora Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Maru Tallón.

Mediante este acordo, a Xunta aportará 950.000 euros para dar comezo á creación do novo Centro de Investigación en Industria Intelixente, Ci3, que a Universidade da Coruña construirá ao lado do Campus de Ferrol.

Trátase dun edificio de nova construción de 14.771 metros cadrados, con nove niveis divididos en dous sotos, seis plantas e un entrechán situado nunha parcela de 1.455 metros cadrados na Avenida de Esteiro. O proxecto está xa adiantado pois xa se dispón dun anteproxecto de necesidades que establece que o edificio contará con espazos xerais, área de laboratorios e áreas técnicas.

Nos espazos xerais haberá área administrativa, un auditorio e diversas salas ademais dun museo científico interactivo, espazos rent out, que se usarán a modo de coworking para profesionais e empresas relacionadas coa tecnoloxía e a innovación, e un módulo para formación especializada en industria intelixente e minis-labs.

Neste edificio desenvolveranse as liñas de investigación do Campus Industrial de Ferrol, concretadas en seis, a robótica industrial, materiais, optimización de procesos industriais, enxeñaría naval e offshore, xestión industrial e deseño e desenvolvemento de produto.

O proceso que hoxe se inicia continuará de forma inminente coa licitación do proxecto. A previsión é que a elaboración do proxecto leve un ano e que, despois, buscando unha vía de financiamento coa Xunta se saque a concurso a construción dun edificio que podería estar realizado a finais do ano 2025.

Para o reitor, a firma deste convenio “é un paso moi importante dentro do proxecto de desenvolvemento do Campus de Ferrol iniciado en 2016”. “Con este acordo iníciase o proceso de creación dun novo edificio de investigación ao servizo do sector produtivo e do desenvolvemento de Ferrol e comarcas”, engadiu Abalde.

“Este centro está configurado como unha infraestrutura singular no eido da enxeñaría industrial e naval”, asegurou o conselleiro Román Rodríguez, que subliñou que isto suporá crear “un polo de innovación de fabricación aditiva da industria 4.0”. Deste xeito, nel poderán implementarse proxectos estratéxicos e tractores no eido da enxeñaría, a innovación e o deseño.

O conselleiro destacou o salto “cualitativo e cuantitativo” do Campus de Ferrol realizado nos últimos anos que comezou coa especialización como Campus Industrial, o primeiro campus acreditado en Galicia, e que continuou coa implantación de novas titulacións e a reformulación doutras, ademais doutras melloras que fixo que o alumnado do Campus de Ferrol pasase de 2.000 a 3.000 alumnos en cinco anos.
Universidade da Coruña