Skip to main content

Presentado o Informe da Economía Social en Galicia 2021

En relación ao número de empregos xerados en Galicia pola Economía Social, 7.917 pertencen a cooperativas e 2.162 a sociedades laborais. Os centros especiais de emprego dan traballo a 2.013 persoas, mentres que as Empresas de Inserción laboral proporcionan 182 postos. Finalmente, as mutualidades xeran 13 empregos directos en Galicia. A suma de todas estas familias “indícannos máis de 12.000 empregos directos na Comunidade Autónoma”, subliñou a profesora Cancelo.

“Para o resto das familias da Economía Social galega, resulta complicado estimar o dato de emprego, pero si podemos resaltar que, nas confrarías galegas, as afiliacións de persoas traballadoras ascenden a case 7.500, o que dá unha idea do seu peso, tendo en conta que, hai un elevado volume de empresas afiliadas, 4.001, e os seus empregados non se están computando”, continúa Maite Cancelo.

A profesora Cancelo estivo acompañada no acto por Pilar Murias, vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC; Xoán Doldán, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, centro que acolleu o acto; Manuel Botana, codirector do estudo; Mª Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade; e Celso Gándara, presidente do Foro pola Economía Social Galega. Cancelo é directora do Centro de Estudos Cooperativos de Galicia- CECOOP. O documento actualiza a información recollida no Libro Branco da Economía Social en Galicia e realiza unha fotografía do sector e a súa evolución nos últimos anos, respondendo, así, a unha das demandas do Plan de Acción Europeo da Economía Social, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2021 e que establece como un dos seus obxectivos chave aumentar a visibilidade da economía social mediante a recompilación de datos e estatísticas adecuadas.

Distribución

Sete de cada dez novas cooperativas localízanse nas provincias atlánticas, o 85% fano baixo a figura de traballo asociado e aumentan en todos os sectores de actividade, sendo maioritarias no sector servizos, tal e como sinala o informe. Nas sociedades laborais, a maioría (23) tamén se sitúan no sector servizos, 2 en industria e construción e 1 en agricultura. Por provincias, a maioría están en Pontevedra (60,7%), seguido da Coruña (28,6%). “En Ourense (7%) e Lugo (3,6%) atopamos o menor dinamismo na creación destas sociedades”, apunta o informe. Das 1.145 cooperativas galegas, o 39% atópanse na provincia da Coruña, o 33% en Pontevedra, o 16% en Lugo e o 12% en Ourense. Por tipo de cooperativa as de traballo asociado conforman a maioría (56%) seguidas das agrarias (22%).

Con relación ás Sociedades Laborais, das 656 rexistradas no rexistro da Xunta e que se consideran activas, a maioría atópanse en Pontevedra (274) e en Coruña (209). O sector servizos segue sendo o predominante co 71,3% destas entidades, seguida pola industria (13,9%), construción (12,3%) e agricultura (2,4%). “Se analizamos os datos do Ministerio relativos ás laborais rexistradas á seguridade social, no ano 2020, o 5,3% destas sociedades teñen o seu domicilio en Galicia”, continúa o informe.

Analizando os datos dos Centros Especiais de Emprego, dos 117 galegos, 58 pertencen á Economía Social. Por provincias, a maioría atópanse na Coruña (63,2%), seguida de Pontevedra (24,8%), Lugo (7,7%) e Ourense (4,3%). A maioría operan no sector servizos (42,7%) e levan a cabo actividades de limpeza xeral de edificios e de xardinería. Con relación ás Empresas de Inserción Laboral, segue manténdose o peso da provincia da Coruña, “onde temos 7 e a importancia no sector servizos onde operan 7 das 13 EIL galegas”.

As confrarías de pescadores (63) representan o 31,8% do conxunto do Estado español, evidenciando a importancia do sector pesqueiro en Galicia. No estudo móstrase a evolución das afiliacións a estas entidades: 4.001 empresas e 7.493 persoas traballadoras. Por sector de actividade, en Coruña e Lugo as confrarías teñen maior presenza na pesca de baixura (frota de artes menores) con case o 42% das afiliacións, mentres que en Pontevedra predomina o marisqueo dende embarcación (41%).

Das outras familias que compoñen a Economía Social de Mercado disponse de menos información, tal e como matizou a profesora Cancelo. No ano 2021 existen 1.072 sociedades agrarias de transformación (SAT) rexistradas en Galicia con 10.193 socios e un capital social de 59.3 millóns de euros (o 5,9% do conxunto de SAT en España). “Isto sitúanos como a sexta comunidade autónoma por número de entidades e a oitava por número de socios e capital social”, matiza o documento presentado este luns.

“Se analizamos as Comunidades e Mancomunidades de Montes Veciñais en man común, fórmula asociativa exclusiva de Galicia, e recoñecida como entidades da Economía Social pola Lei Galega, temos 3.016 montes veciñais en man común, cunha superficie de máis de 662 mil hectáreas e un tamaño medio de 220 hectáreas. Estes montes organízanse a través das Comunidades de Montes que ascenden a 3.013 no ano 2021. A maioría atopámolas na provincia de Ourense (1.153 agrupacións). Con relación ao número de comuneiros, contabilízanse 119.309, aínda que, neste caso, a maioría (43,9%) están en Pontevedra, seguida de Ourense (26,8%)”, explica a profesora Cancelo.

No estudo tamén se recolle un apartado sobre o marco xurídico e novidades lexislativas, outro no que se analizan as políticas públicas para o desenvolvemento da Economía Social en Galicia, o sector financeiro cooperativo en Galicia e unha aproximación ao impacto socioeconómico das Sociedades Laborais e as Cooperativas en Galicia. Na elaboración do informe participou persoal investigador da USC e da UVigo. Dolores Álvarez, Manuel Botana, María Bastida, Maite Cancelo, Rosario Díaz, Pilar Expósito, Loreto Fernández, Rafael Millán, José Antonio Montero, Ana Olveira, Alberto Vaquero, Emilia Vázquez Rozas e Miguel A. Vázquez Taín son os autores do informe.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)